• servizos sarela 795x180

Noticias

O 72,64% das persoas con DCA teñen dificultade para traballar

O 72,64% das persoas con DCA teñen dificultade para traballar

A Fundación ONCE elaborou xunto ao Fondo Social Europeo un estudo sobre dano cerebral e inserción laboral. O estudo foi presentado o venres 16 de decembro no Centro Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC) coa presenza de Carmen Balfagón, Directora Xeral do Imserso; José Luís Martínez Donoso, Director Xeral de Fundación ONCE; Luciano Fernández Pintor, presidente de FEDACE; e Inmaculada Gómez Pastor, Directora-Xerente do CEADAC. Intersocial, a entidade que realizou o estudo, presentou a súa metodoloxía e resultados na xornada 'Mellor, informados: a inserción laboral das persoas con DCA'. O obxectivo do estudo foi establecer un diagnóstico da situación laboral das persoas con Dano Cerebral Adquirido, identificando barreiras e facilitadores, oportunidades de emprego e exemplos de boas prácticas.

As persoas con DCA en idade laboral en España ascenden a 80.224. Realizáronse enquisas a 400 destas persoas, cunha media de idade de 46 anos. O 42,8% das persoas con DCA atópase xubilada ou prexubilada por incapacidade para traballar; o 23% atópase buscando traballo e o 13,53% traballa. A idade resulta un factor importante na actividade laboral: o 61,97% das persoas de 16 a 32 anos con DCA enquisadas atópanse activas, mentres que só o 14,56% das maiores de 50 anos están traballando ou buscando emprego. Por outra banda, o tipo de lesión parece ser un condicionante da actividade laboral. As persoas con traumatismo cranioencefálico manteñen unha taxa de actividade máis alta (45,52%); taxa que se pode explicar porque este tipo de lesións afectan a persoas que son un promedio de 10 anos máis novas que quen presentan outras lesións.

A irrupción do Dano Cerebral Adquirido nas vidas das persoas enquisadas transforma os seus proxectos laborais. Trala lesión, a actividade laboral redúcese ata en 35 puntos porcentuais e o feito de que haxa secuelas significa que o 59,10% destas persoas xa non traballen nin busquen emprego. No 18,21% dos casos si que buscan emprego, pero nunha ocupación diferente. O 72,54% sinala atopar dificultades extraordinarias para atopar emprego; poucas persoas recibiron os apoios necesarios para iso. En resumo, a maioría das persoas con DCA perciben que a súa calidade de vida deteriorouse a partir da lesión.

A partir dos resultados do estudo, FEDACE presentou un modelo de intervención para mellorar o acceso ao emprego das persoas con Dano Cerebral Adquirido. Para iso, a federación propón intervir no ámbito da rehabilitación funcional e no da empresa poñendo en primeiro plano as actuacións coas persoas con DCA para a promoción de itinerarios de integración adaptados ás súas capacidades e expectativas.

O proceso de volta ao emprego debe comezar desde unha rehabilitación ocupacional nas 8 primeiras semanas trala lesión, o que require un despregue de recursos amplo e interdisciplinar. Neste proceso deberíase de priorizar á empresa na que se traballou antes da lesión para realizar a volta ao emprego e habilitar controis especiais contra o risco de fracaso que inclúan a adaptación do posto ás capacidades funcionais.

*Información e imaxe da presentación extraídas da páxina web de  FEDACE e FEGADACE

Categorías: Dano Cerebral Adqurido

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.