Foto: Sergas

O Clínico abrirá unha nova unidade de ictus con seis camas e máis ampla

04/10/2016

Facilitará o traballo de profesionais sanitarios e a intimidade dos seus pacientes. Sarela considera que tamén é necesario crear unidades de dano cerebral que integren todas as especialidades implicadas na rehabilitación.

La Voz de Galicia informou estes días da creación no Hospital Clínico de Santiago dunha nova unidade de ictus. Anunciouna o xefe de Neuroloxía, José Castelo, durante unha homenaxe no centro de saúde de Petín de Valdeorras ao neurólogo Miguel Blanco, o primeiro coordinador da unidade de ictus do complexo hospitalario compostelán, falecido o ano pasado. Desde aquí o noso recoñecemento a quen foi un gran profesional e amigo de Sarela.

 

Nesta nova infórmase que a nova unidade de ictus funcionará a comezos de 2017 e estará na terceira planta do Clínico e terá 6 camas, sendo máis ampla e cómoda que as actuais instalacións. Facilitará o traballo de profesionais sanitarios, tanto especialistas médicos como persoal de enfermería, e permitirá aos seus pacientes gañar en intimidade.

 

A idea é que nela se ingresen as persoas afectadas dun ictus «ata que se consiga o seu normalización hemodinámica, que normalmente ocorre entre as 24 e as 48 horas. Ese tempo é clave para a súa evolución, tras recibir tratamento intravenoso ou intraarterial, cando o paciente está monitorizado, coma se fose unha unidade de coidados intensivos. Ten vixilancia permanente as 24 horas». Tras este período, «cando xa estea estable, continuará a súa asistencia noutra habitación do hospital, ata que reciba o alta».

 

Unha boa noticia

Para Sarela é unha boa noticia que os recursos públicos para a asistencia sanitaria aumenten sexa para o ictus, como é neste caso, ou para calquera outra doenza ou lesión. Pero tamén é preciso incidir na idea de que unha vez pasada a fase hospitalaria, as persoas afectadas por dano cerebral adquirido, sexa por ictus ou outra causa, atópanse cunha atención especializada en logopedia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, etc moi deficitaria e en moitas casos con meses de lista de agarda. Un tempo vital para a recuperación do que esas persoas non dispoñen.

 

É por iso que Sarela considera que é necesario crear, integradas no sistema público de saúde, Unidades de Dano Cerebral en cada área sanitaria que integren todas as especialidades implicadas na rehabilitación. A maiores sería un gran avance  ter un profesional que sexa a referencia e que teña unha visión xeral do estado da persoa afectada por DCA. 

 

 

Categorías: Ictus
Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información