O Concello de Santiago e Sarela asinan o novo convenio anual

05/07/2022

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente de Sarela José Balboa (primeiro pola esquerda na imaxe) asinaron o novo convenio para a realización de terapia acuática e unha nova actividade lúdica en balneario. A colaboración da Concellaría de Políticas Sociais é de 3.000 euros.

Na actividade de terapia acuática aprovéitase as características mecánicas e térmicas da auga para realizar un tratamento con fins terapéuticos. Na piscina terapéutica de Sarela trabállase de maneira pasiva coas persoas cunha menor mobilidade, realizando mobilizacións e estiramentos nun medio que induce á relaxación da musculatura e estímulos propioceptivos. Para as persoas con maior mobilidade, fomentarase o traballo activo dirixido a mellorar o equilibrio, marcha, forza, resistencia e capacidade cardiorrespiratoria.

Este ano, no proxecto presentado por Sarela inclúese a novidade de subvencionar a participación destas persoas usuarias nunha actividade de balneario. Despois de pasadas as restriccións da pandemia, que incluso obrigaron a suspender o uso da piscina terapéutica de Sarela, a nova actividade ten un enfoque lúdico e de desfrute do medio acuático no entorno comunitario.

Para iso as persoas beneficiarias do programa desprazaranse a unha instalación balnearia da comarca de Compostela estando acompañada por profesionais da entidade. Ademais da parte lúdica, esta actividade aproveita as propiedades mecánicas e térmicas da auga para estimular a circulación das persoas participantes.

O convenio para 2022 dá continuidade á colaboración que Sarela e Concello de Santiago manteñen desde a súa fundación e que se traduce por exemplo na colaboración á hora de realizar outras actividades de sensibilización sobre o dano cerebral (charlas, conmemoración do día do DCA etc) e que tivo un fito fundamental na cesión a longo prazo dunha parcela municipal para construír a sede da entidade no barrio do Castiñeiriño.

A sinatura deste convenio realizouse esta mañá xuntos cos doutras entidades do terceiro sector como FEAFES, Don Bosco e Fundación Andrea, e súmanse aos 5 convenios asinados a semana pasada con Proxecto Home, Cáritas, a Cociña Económica e o Albergue Xoán XXIII. No acto tamén participou Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais.

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información