O Congreso infórmase sobre a atención ao DCA

20/04/2015

CiU vai presentar unha Proposición non de Lei para garantir o acceso á neurorehabilitación.

O día 15 de abril compareceu perante a Comisión de Sanidade e Servizos Sociais do Congreso dos Deputados Dª Paloma Pastor, representante da asociación Hiru Hamabi e nai dun neno con dano cerebral. Pastor foi acompañada pola presidenta de FEDACE, Dª Amalia Diéguez; e as especialistas Dª María Luz Ruiz-Falcó, neuropediatra; e Dª Inés Folgado, médica especialista en medicina física e rehabilitación. A Comisión tratou as necesidades de atención das persoas que viven con Dano Cerebral Adquirido (DCA).
 
Durante a comparecencia trasladouse á Comisión a necesidade dunha iniciativa parlamentaria conxunta que clarifique os termos do Real Decreto 1030/2006 do 15 de setembro polo que se establece a Carteira de Servizos do Sistema Nacional de Saúde, para así garantir de forma explícita o acceso á neurorehabilitación das persoas con Dano Cerebral Adquirido sen importar a súa idade. A modificación debería de incluír os tratamentos de rehabilitación a nivel cognitivo, condutual e emocional, mediante o tratamento interdisciplinar necesario e incluíndo a neuropsicoloxía, psicoloxía de familia e psiquiatría na rehabilitación de persoas con DCA.
 
O texto actual dá lugar a interpretacións, o que provoca que cada Comunidade Autónoma o aplique de forma diferente e se xeren desigualdades territoriais na atención ao Dano Cerebral Adquirido. Por iso, a nova redacción debe especificar que se entende por rehabilitación, que tratamentos inclúe e que especialistas son necesarios na mesma.
 
A atención ao DCA chegou á Comisión de Sanidade a través de Dª Mª Concepción Tarruella, deputada de Convergència i Unió (CiU) por Lleida. Este mércores, día 22 de abril, CiU presentará á Comisión de Políticas Integrais sobre Discapacidade unha Proposición non de Lei para garantir o acceso á neurorehabilitación das persoas con Dano Cerebral Adquirido a cargo do Sistema Nacional de Saúde; incluíndo os casos de menores con DCA e sen limitación de idade.
 
De ser aprobada pola Comisión, a Proposición non de Lei podería supoñer un avance significativo no recoñecemento dos dereitos das persoas con Dano Cerebral Adquirido a nivel estatal. A continuación, cítase o texto da Proposición, localizable na páxina 34 do Boletín Oficial das Cortes Xerais (X Lexislatura, serie D, nº 620):
 
Proposición non de Lei
 
«O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a modificar o Real Decreto 1030/2006, de 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización, coa finalidade de:
 
1. Incluír os tratamentos de rehabilitación a nivel cognitivo, condutual e emocional, mediante o tratamento transdisciplinar que sexa necesario engadindo a neuropsicoloxía, psicoloxía de familia e psiquiatría na rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable da Carteira de servizos comúns de atención especializada.
 
2. Ampliar o concepto de urxencia vital recollido no apartado 3 do artigo 4 a posible risco funcional físico ou psíquico que require dunha intervención inaplazable por risco de perda de funcionalidade de órganos esenciais para o desenvolvemento da persoa.
 
Todo iso, cunha dotación orzamentaria suficiente destinada ás Comunidades Autónomas para garantir a creación e continuidade de unidades de neurorrehabilitación infantil para casos de dano cerebral sobrevido.»
 
Pazo do Congreso dos Deputados, 18 de febreiro de 2015. Josep Antoni Duran i Lleida, Portavoz do Grupo Parlamentario Catalán (Convergència i Unió).
 
*Información e imaxe -dun momento da comparecencia- extraídas da páxina web de FEDACE.
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información