O V Foro de Familias será este sábado na Coruña e a DGT recibirá o premio FEGADACE-Miguel Blanco

27/06/2016

Este sábado celebrarase a quinta edición do Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral que organiza FEGADACE. O contido deste ano é monográfico sobre 'Sexualidade e dano cerebral adquirido' e tamén se entregará á DGT o IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco pola redución da sinistrabilidade.

O V Foro de Familias vai ter lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa Maestranza, 9) o sábado 2 de xullo. A recepción de participantes está prevista desde as 09:45 e ás 10:15 Juan Luis Delgado, vicepresidente da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) e tesoureiro da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), pronunciará unhas palabras de benvida ás familias. ADACECO é tamén anfitrioa e colaboradora na organización do Foro.

A continuación haberá unha parte formativa, que consiste nun obradoiro sobre 'Sexualidade e dano cerebral adquirido. Como atender, educar e prestar apoio á sexualidade das persoas con DCA'. Vai estar impartido por Natalia Rubio, presidenta da Asociación Sexualidad y Discapacidad, con formación como psicóloga, sexóloga e pedagoga. A mesma docente foi a encargada de impartir uncurso, o pasado 28 de maio, sobre a mesma temática pero enfocado aos equipos profesionais das asociacións de FEGADACE.

O obradoiro finaliza ás 12:30. Haberá un descanso e ás 13:00 as persoas asistentes retornarán ao Paraninfo para ter un espazo de debate sobre o obradoiro da mañá, onde tamén poderán expresar as súas inquedanzas con respecto á súa situación como familiares de persoas con dano cerebral.

Entrega do IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco

A mañá vaise pechar coa entrega do IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco e cunha breve cerimonia de clausura. Este acto iníciase ás 13:45 e vai contar coa presenza, en representación de FEGADACE, do seu presidente, José Balboa, e do seu secretario, Fidel Castro. Iniciarase cun recordo do neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro do ano pasado. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no galardón que entrega anualmente e que el mesmo recibiu no ano 2014.

A directora de Acción Social da Fundación Barrié -entidade galardoada o ano pasado-, Mª Isabel Pérez, vai ser a encargada de entregar o IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco á Dirección General de Tráfico (DGT), que recollerá persoalmente a súa directora xeral, María Seguí. FEGADACE quere recoñecer o labor de sensibilización para a prevención dos accidentes de tráfico e a drástica redución da sinistralidade viaria acadada grazas ás medidas e campañas da DGT. Os accidentes de tráfico son a segunda causa do dano cerebral, polo que a súa redución e prevención son prioridades para FEGADACE.

No acto de clausura está tamén prevista a presenza de Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, e dunha persoa representante da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Xantar e tarde de lecer

Trala entrega do galardón haberá un xantar para as familias, que se celebrará na cafetería do Paraninfo desde as 14:30. E como o Foro de Familias e un espazo de aprendizaxe, pero tamén de convivencia e de intercambio, pola tarde, desde as 16:00 haberá diferentes actividades lúdicas que acompañarán ás familias nun espazo de diversión, distensión, intercambio e recreo. Entre estas actividades está unha sesión de teatro de improvisación e outras sorpresas.

Para formalizar a inscrición cómpre contactar coa asociación de referencia (ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense eSarela en Compostela).

 

Información da web de FEGADACE

 

 

Categorías: FEGADACE
Tags: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información