• banner web aniversario2

Noticias

Peche temporal do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica debido a gromos de coronavirus

Peche temporal do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica debido a gromos de coronavirus

Sarela comunica que, atendendo ás medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 no concello de Santiago de Compostela decretadas pola Xunta de Galicia, o Servizo de Atención Diúrna Terapéutica permanecerá pechado até novo aviso.

 

Na resolución da Consellaría de Sanidade publicada no DOG 178-Bis establécese que de acordo co principio de precaución, tendo en conta as específicas exixencias de protección da poboación afectada dada a súa especial vulnerabilidade, os centros de atención diúrna para persoas con discapacidade e os centros ocupacionais, agás para a realización de terapias individuais en domicilios ou centros con cita previa, permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura.

 

Sarela quere trasladar ás persoas usuarias do noso centro de día e súas familias o seu agradecemento pola comprensión e actitude mostrada ante unha medida que frustra as ilusións dun grupo humano que viña de pasar por seis meses de confinamento, distanciamento e estritas medidas de seguridade sanitaria. Nos dous días que estivo aberto o Servizo de Atención Diúrna Terapéutico percibimos claramente a necesidade das persoas usuarias de retomar a súa vida en grupo a pesar das dificultades e esforzo persoal que implica para elas cumprir coas novas normas de saúde.

 

No tempo que duren as novas medidas, o equipo de profesionais manterá contacto directo coas familiar e as persoas usuarias poderán seguir recibindo terapias individuais (fisioterapia, logopedia, psicoloxía, terapia ocupacional etc) no centro con cita previa así como visitas a domicilio co mesmo obxectivo.

 

Sarela sente non ter comunicado antes ás familias as novas medidas da Xunta de Galicia pero a nosa entidade non recibiu ningunha comunicación oficial previa á publicación da mencionada orde no DOG, máis alá das informacións dos medios de comunicación.

 

Sarela lamenta que o peche de servizos esenciais para este colectivo sexa a primeira medida a tomar sen valorar outras alternativas en función da realidade de cada centro. Como xa se expresou noutras ocasións, a vulnerabilidade das persoas con discapacidade non pode ser enfocada só desde a perspectiva dun posible contaxio. Sarela considera que antes de volver a confinar as persoas con discapacidade na súas casas é preciso valorar todas as alternativas que se poden poñer en marcha en cada centro. Neste sentido, ademais de primar e extremar as medidas de seguridade sanitaria, Sarela modificou o uso de espazo do centro para garantir a máxima distancia entre persoas, estableceu a media xornada, atrasou a incorporación das persoas usuarias que non poden usar máscara etc para que o maior número de persoas puideran regresar a un recurso básico nas súas vidas.

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.