"Por fin atopo alguén que me entende cando lle falo"

21/04/2015

O programa de Información e Orientación a Familias finánciase grazas á X Solidaria.

A traballadora social de Sarela, Eugenia Veloso, oíu esa frase da boca dunha familiar dunha persoa con dano cerebral á que estaba asesorando. E é que grazas á recadación da X Solidaria, ou sexa, das persoas contribuíntes que marcan o cadro de Fins Sociais nas súas declaracións da renda, a asociación pode financiar unha parte do seu programa de Información e Orientación a Familias. Tamén axuda a pagar o programa de Autonomía persoal e, sobre todo, puido financiar a construción do seu centro no Traspaxonal, a actual sede de Sarela.
 
Tanto a traballadora social como a psicóloga e neuropsicóloga da asociación, Noelia Ouro, traballan de xeito cotián no programa de Información e Orientación a Familias. A través das súas declaracións achégasenos unha realidade que sería moi difícil de transmitir sen o apoio económico que proporciona a X Solidaria:
 
Eugenia Veloso. Traballadora social da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela

Lembro unha ocasión na que estaba atendendo a unha muller que solicitaba información. Mentres falabamos, e eu a informaba sobre os recursos que podería solicitar para o seu marido, ela díxome: "por fin atopo alguén que me entende cando lle falo. Pensei que era un bicho raro e que isto só me pasaba a min". Decátaste da importancia do papel que xogamos as asociacións ao non só informar, senón tamén comprender a desorientación na que se atopa unha persoa que inicia a súa experiencia co dano cerebral adquirido.

Noelia Ouro. Psicóloga/Neuropsicóloga da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela

Traballando notei o ben que reciben as familias o apoio que lles ofrecemos. A principal motivación das familias ao acudir a Sarela é o seu familiar con dano cerebral. Queren obter a mellor rehabilitación para que, pasado o peor momento, a situación mellore o máximo posible. Con todo, cando ven que ademais lles ofrecemos un espazo para eles, para compartir as súas preocupacións, para que lles axudemos a soportar mellor esta situación pola que lles tocou pasar, que trastornou completamente a súa vida familiar, séntense en parte sorprendidos, en parte aliviados. En ningún momento lles pasou pola cabeza que eles tamén necesitan axuda, porque a súa maior preocupación é o seu familiar. Con este programa comprenden mellor a situación do seu familiar, xa que polo xeral teñen moi pouca información sobre repercusións psicolóxicas, neuropsicolóxicas, emocionais, comportamentais, etc.
 
Facenda permite decidir o que se fai cunha pequena parte dos impostos que cada contribuínte aporta na súa declaración da renda. Ao marcar o cadro 'Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social', antes denominado 'Fins Sociais' e tamén coñecido como 'X Solidaria', o 0,7% dos impostos da persoa contribuínte dedícanse a causas sociais (discapacidade, infancia, persoas en risco de exclusión...).
 
Ao marcar a X Solidaria non se paga máis diñeiro, nin se recibe menos devolución. Simplemente, do diñeiro que se ía aportar ao estado, o 0,7% resérvase a fins sociais. Do mesmo xeito, se se marca tamén o cadro da Igrexa, as porcentaxes sobre as que se decide acumúlanse, non se dividen. Así, marcando o cadro de Fins Sociais e o da Igrexa, a persoa contribuínte reserva para esas causas o 1,4% dos seus impostos.
 

 

    Cartel X Solidaria 2015 Centro de Sarela
Categorías: Sarela , Terceiro sector

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información