• servizos sarela 795x180

Noticias

Posible reforma da Lei de Servizos Sociais adaptándoa a Europa

Posible reforma da Lei de Servizos Sociais adaptándoa a Europa

En caso de prosperar a proposición de Lei do grupo popular no Parlamento de Galicia, a Lei de servizos sociais de Galicia sería reformada co obxectivo de blindar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos, dotándoas dun novo mecanismo que impulsa as súas relacións coas administracións públicas e ofrecendo unha maior seguridade xurídica ás actividades económicas deste sector.

 

Segundo informacións do propio grupo parlamentario, esta reforma sería froito dos contactos e as achegas realizadas polo CERMI (Comité Español de representantes de persoas con discapacidade) e suporía a adaptación da lei galega á normativa á directiva europea 2014/24/UE para dar entrada aos concertos sociais como modalidade diferenciada do concerto xeral, así como a figura dos acordos marco para a xestión de servizos sociais coas entidades para atender, na medida que sexa posible, a libre elección da persoa destinataria do servizo.

 

Deste xeito, as entidades que ofrecen servizos sociais previstos na carteira de servizos vixentes poderán acollerse ao réxime destes novos concertos sociais, o que supón recoñecer a necesidade de establecer condicións especiais a estas prestacións dadas as especificidades dos servizos sociais. No establecemento destes concertos atenderase aos principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa no seu contorno, elección do usuario, continuidade na atención e calidade do servizo. As administracións públicas darían prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando existan análogas condicións de eficiencia, calidade e rendibilidade social, sempre garantindo a libre concorrencia e respectando os principios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia.

 

Categorías: Sarela , Terceiro Sector

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.