Presentación de ArousaMan no Concello de Ribeira

23/07/2015

Seis persoas participan na travesía solidaria coas persoas con dano cerebral adquirido.

Un grupo de seis nadadores vai cruzar este sábado 25 xullo as augas da ría de Arousa entre O Grove e Ribeira nunha iniciativa que, baixo a denominación de ArousaMan, ten por obxectivo visualizar o dano cerebral adquirido e a situación de dificultade que atravesan as persoas con esta discapacidade e as súas familias.
 
A actividade foi presentada esta mañá na Casa Consistorial de Ribeira nun acto que contou coa participación do ribeirense Juan Ramón Martínez, promotor e organizador da iniciativa; Concha Otero e Rocío García, vicepresidenta e directora -respectivamente- da asociación Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), e Sabela Pensado, campioa de triatlón en distancia olímpica, quen será unha das valentes que participen no reto. No nome do Concello compareceu o edil Víctor Reiriz.
 
O inspirador desta cita é Manolo Martínez, un irmán de Juan Ramón que ten dano cerebral adquirido derivados dun neuronoma acústico. O propio Juan Ramón manifestou que se quixo buscar un evento deportivo que tivese unha especial dureza para tratar de simbolizar as dificultades que atravesan as familias e persoas con dano cerebral, así como para reclamar máis apoio das institucións.
 
Concha Otero declarou que para a asociación Sarela é unha honra poder colaborar nesta iniciativa e sumouse ao desexo de que se presten máis medios. “Unha vida salvada merece ser vivida o máis dignamente posible”, afirmou. 
 
Pola súa parte, Víctor Reiriz expresou a satisfación do Concello en poder axudar ao desenvolvemento de iniciativas tan cheas de humanidade como esta; mentres que Sabela Pensado agradeceu á organización que quixesen contar con ela nesta causa solidaria.
 
Está previsto que os participantes partan en torno ás 8:30 horas do Grove para percorrer os 13 quilómetros (entre 12.000 e 13.000 brazadas) que separan ambas bandas da ría de Arousa. Cóntase coa colaboración entre outras entidades da Asociación Galega de Kayaks de Mar. 
 
Chegada a Coroso
 
A chegada a Ribeira está prevista para entre as 14:00 e as 14:30 horas. Farao na praia de Coroso á altura do posto dos socorristas, co acompañamento dun nutrido grupo de nadadores que se van sumar nos últimos metros de travesía.
 
Xa alcanzada a meta, agárdase que os poida recibir Manolo Martínez ou, de non ser posible, familiares de persoas con dano cerebral adquirido.
 
Xunto a Sabela Pensado e ao propio Juan Ramón Martínez, os outros nadadores de AsousaMan serán José Hachero, Bruno Vázquez, Bernardo Sobrido e José Manuel Lorenzo.
 
*Información elaborada polo Concello de Ribeira.
 
Categorías: Sarela
Tags: ArousaMan

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información