Un radar 'Pegasus' vixiará a rede viaria esta Semana Santa

16/04/2014

Tráfico prevé en Galicia máis de 800.000 desprazamentos.

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) pon en marcha desde as 15:00 horas de hoxe mércores a segunda fase da operación saída de Semana Santa 2014, na que continuará poñendo especial atención nas vías secundarias. Por ese motivo, entrará en servizo un novo Pegasus, o segundo helicóptero equipado co sistema de radar. En Galicia, a DGT prevé máis de 800.000 desprazamentos nesta segunda operación saída das vacacións de Pascua.
 
O novo Pegasus, do mesmo xeito que o seu antecesor, consta de dúas cámaras, unha panorámica que facilita o seguimento e captación da velocidade, e outra de detalle, dotada cun teleobxectivo, que permite ler a matrícula do vehículo chegando mesmo a poder detectar con extrema precisión velocidades de ata 360 quilómetros por hora.
 
Segundo explicou a DGT, estes radares resultan operativos desde unha altura de voo do helicóptero de 1.000 pés, máis de 300 metros, e ata unha distancia en liña recta co vehículo controlado de 1 quilómetro.
 
Este Pegasus utilizarase principalmente para controlar a velocidade dos vehículos que circulan polas vías convencionais, que como vén alertando o departamento que dirixe María Seguí, son as máis perigosas e onde se produce o maior número de accidentes e de falecidos, pese a soportar un menor tráfico que as vías de alta capacidade.
 
Esta é a principal novidade de face á segunda fase desta operación especial na que se esperan un total de 7,5 millóns de desprazamentos polas estradas españolas desde este mércores e ata as 00:00 horas do luns 21 de abril. Trátase dun periodo máis importante que o do pasado fin de semana -cando se rexistraron 3.240.000 vehículos, un 11 por cento máis dos previstos- por volume e número de desprazamentos de vehículos por estrada.
 
En concreto, en Galicia, segundo os datos da DGT, na segunda fase, que se desenvolverá desde as 15:00 horas deste mércores 16 de abril e as 24 horas do luns 21, prevense uns 819.000 desprazamentos na rede viaria galega, o 11% dos 7.450.000 estimados en toda España.
 
Ás viaxes únesa a final da Copa do Rei
 
Como adoita ser habitual nestas datas, os principais movementos de tráfico serán no sentido saída das grandes cidades, cara a zonas turísticas de costa, segundas residencias, poboacións con actos relixiosos tradicionais e zonas de montaña.
 
Este ano, a este movemento habitual de desprazamentos de vacacións hai que sumar a de todos aqueles afeccionados do Real Madrid e do Barcelona que se desprazan por estrada a Valencia para presenciar a final da Copa do Rei.
 
Para este operativo, a DGT ten prevista a instalación de carrís reversibles e adicionais con conos nos momentos de maior afluencia circulatoria en determinadas estradas, paralizaranse as obras, limitaranse as probas deportivas e restrinxirase a circulación.
 
Tamén se prepararon unha serie de itinerarios alternativos recomendados segundo orixe e destinos e para evitar as obras que se están realizando na Autovía A-3, que se poden consultar na web da DGT.
 
Planear a viaxe
 
A DGT lembra a importancia de planear a viaxe e consultar o estado de circulación das estradas polas que vai transitar. Isto último pódese realizar a través do teléfono 011, Internet, en twitter (@informacionDGT), a través da aplicación da DGT cuxa descarga é gratuita ou nos boletíns informativos das emisoras de radio e televisión.
 
Para levar a cabo este dispositivo, a Dirección Xeral de Tráfico conta coa máxima dispoñibilidade dos seus medios humanos: axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, empregados públicos dos Centros de Xestión de Tráfico, patrullas de helicópteros e persoal encargado do mantemento de equipos e da instalación de medidas en estrada, así como persoal dos servizos de urxencia tanto sanitarios como bombeiros.
 
*Información e imaxe extraídas de La Opinión de A Coruña.
 
Categorías: Prevención

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información