#Rentaterapia

11/04/2017

O centro de Sarela foi construído grazas aos fondos recadados co X Solidario. Ese pequeno xesto de marcar o recadro de”Actividades de interese social” fixo posible ter unhas instalacións cómodas para as persoas usuarias e profesionais. Ata o 30 de xuño podemos presentar a nosa declaración e seguir coloborando coas ONG.

As entidades do terceiro sector galego, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, fixeron balance das cifras recadadas en 2016 en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais e presentaron a campaña do X Solidario deste ano “#Rentaterapia”, que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais na súa declaración da renda.



A vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro. O que pretendemos con esta campaña, é animar á xente a que marque o recadro de “Actividades de interese xeral”, porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuír á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de excusión social".



Se todas as persoas que non marcan nada optaran por participar, recadaríamos en Galicia un 10,7 millóns máis

 

Lorena Seijo, representante da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras recadadas a través do recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado en Galicia. Seijo apuntou que “un 55% das persoas contribuíntes en Galicia marcaron o recadro de “Actividades de interese social”. Trátase de 7.320 persoas máis que en 2015. Aínda así, temos 560.237 persoas que seguen sen marcar a X Solidaria (un total de 416.104 non marcaron ningún recadro e 144.133 só marcaron o da Igrexa). Se todas as persoas que non marcan nada optaran por participar, recadaríamos en Galicia un total de 25,5 millóns de euros (10,7 millóns máis)”.



Programas realizados co 0’7%

 

Pola súa banda, o vicepresidente e tesoureiro do CERMI-Galicia, Elías Palacio Verdini, enumerou os múltiples programas que se veñen beneficiando cada ano grazas á X Solidaria, “cada vez que unha persoa marca a X Solidaria na súa declaración da renda, está a colaborar para que as persoas en situación máis vulnerable poidan ter unha oportunidade de saír adiante. De aí a importancia de campañas coma esta para as nosas entidades.



Neste sentido, Elías Palacio destacou a importancia que as entidades lle outorgan á transparencia nestes datos, “queremos apuntar que existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan. O diñeiro recadado destínase integramente a proxectos concretos que se presentaron previamente ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e en ningún caso se destina ás estruturas das entidades.”


 

Noticia realizada a partir da información da web de FEGADACE

Categorías: Terceiro sector
Tags: X Solidaria

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información