Momento da andaina con motivo da celebración do Día do Dano Cerebral 2021

“Que despois de ter un Dano Cerebral poidas coller o autobús, subir unhas escaleiras, ou acordarte de felicitar ao teu irmán polos seus aniversarios depende moito da rehabilitación”

26/10/2021

Sarela celebra o Día do Dano Cerebral Adquirido reclamando rehabilitación especializada para todas as persoas con esta discapacidade. Recuperou, suspendidas o ano pasado pola pandemia, a andaina pola cidade vella de Santiago e a lectura pública do manifesto do movemento asociativo na Praza do Obradoiro. Persoas con DCA leron o manifesto no que se fai fincapé, entre outras prioridades, na necesidade garantir o acceso universal á rehabilitación especializada de todas as persoas e familias.

Hoxe, 26 de outubro, Sarela volveu ás rúas de Compostela para celebrar un ano máis o Día do Dano Cerebral, unha conmemoración que desde 2007 é un espazo para dar visibilidade, reivindicar e sensibilizar sobre a que é primeira causa de discapacidade e dependencia en España.

O acto principal do Día foi a andaina que saíu da Alameda e que tras percorrer as rúas da cidade histórica rematou na Praza do Obradoiro. Na mesma participaron persoas con DCA, familiares, amigos/as da asociación, profesionais e representantes dos grupos políticos do Concello. No Obradoiro catro persoas con Dano Cerebral leron o manifesto que, baixo o título “As persoas con dano cerebral necesitamos rehabilitación especializada. Mañá podes ser ti”, recolle o sentir e reclamacións das 46 entidades de todo o Estado que forman parte da Federación Española de Dano Cerebral. A presentación do mesmo e benvida ás persoas participantes correo a cargo de José Balboa, presidente de Sarela.

 

 

As reivindicacións deste ano puxeron de manifesto a necesidade que teñen as persoas con dano cerebral (medio millón en España das que 35.000 son galegas) de acceder a unha rehabilitación especializada, independentemente de onde viva, da idade, das secuelas ou da capacidade económica.

 

Un ictus pode facer que dun segundo a outro esquezas o nome da túa filla”

Na lectura do manifesto Mª Carmen Lavandeira (persoa con DCA) lembrou que “un ictus pode facer que dun segundo a outro esquezas o nome da túa filla; un traumatismo cranioencefálico pode ocasionar que non sexas capaz de atarte os zapatos; e un tumor no cerebro pode provocar que non saibas como relacionarte cos teus seres queridos. Son tres exemplos de como un Dano Cerebral pode cambiarche a vida de maneira súbita e inesperada”.

 

Como dixo Jesús Ricoy (familiar) na lectura “a neurorrehabilitación é fundamental porque nos pode permitir recuperar a nosa antiga normalidade nas mellores condicións posibles. Que despois de ter un Dano Cerebral poidas coller o autobús, subir unhas escaleiras, ou acordarte de felicitar ao teu irmán polos seus aniversarios”.

 

A metade das familias e persoas con Dano Cerebral saen do hospital sen información sobre onde continuar a rehabilitación”

 

 

Victorino López (persoa con DCA) falou da imperiosa necesidade de que exista “unha coordinación sociosanitaria que, coa activación dun código “Dano Cerebral”, non se deteña tras recibir o alta hospitalaria. Agora isto non é así: agora a metade das familias e persoas con Dano Cerebral saen do hospital sen información sobre onde continuar a rehabilitación a partir dese momento”.

 

 

No manifesto deste ano as entidades de Dano Cerebral reclaman como medidas urxentes para paliar a escaseza e desigualdade territorial de recursos e garantir a inclusión social e unha axeitada calidade de vida cinco medidas ás que lle puxo voz Teresa Vega (familiar):

1. Que se impulse unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral que garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar a cada persoa con Dano Cerebral, independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia.

2. Que se elabore un censo de persoas con Dano Cerebralpara así poder dimensionar os recursos necesarios para a adecuada atención deste colectivo.

3. Que se cre a categoría diagnóstica “Dano Cerebral”, aplicable no momento do alta hospitalaria.

4. Que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora; para que esta tamén reciba a información, formación e apoio psicolóxico que require durante todo o proceso.

5. Que nos plans de atención sociosanitaria se teñan en conta as necesidades específicas das persoas con Dano Cerebral con maior vulnerabilidade, como son as persoas con dano cerebral severo, os menores con Dano Cerebral e as persoas con alteracións graves da conduta; así como das súas familias.”

 

Manifesto completo do Día do Dano Cerebral 2021 [+]

MANIFESTO COMPLETO DO DÍA DO DANO CEREBRAL 2021. VERSIÓN LECTURA FÁCIL [+]

Categorías: Sarela , Día do Dano Cerebral
Compartir en:

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Aceptar todas Configurar Cookies Máis información