Sarela celebra o seu XV aniversario cunha festa

23/09/2015

Será o sábado 3 de outubro nunha carpa situada no exterior da sede da asociación.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela fai 15 anos este 2015 e celébraos cunha festa para os seus socios e socias que inclúe música, baile e un xantar. Esta conmemoración quere ser un punto de encontro para familias, persoas usuarias, membros da Xunta Directiva e profesionais da asociación, no que se visibilicen os logros destes 15 anos de traballo para a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido da área de Compostela.
 
A cita é o sábado 3 de outubro no Traspaxonal, nunha carpa que se vai colocar na explanada contigua ao centro de Sarela. A asociación conta coa colaboración altruísta de moitas persoas que participan en diferentes medidas.
 
O inicio da festa é ás 12:00, cando se irá recibindo ás persoas asistentes coas actuacións do Grupo de Gaitas da Asociación Musical O Recobio de Baamonde e do gaiteiro solista Arcadio de la Vega. A continuación servirase un xantar, coa colaboración da ‘Pulpería Guerra’, que ten un prezo reducido de 15 euros para as persoas socias de Sarela (e de balde para menores de 10 anos).
 
Na sobremesa haberá xogos infantís coas monitoras de Fada-Verde, e un dúo musical amenizará o baile para os adultos e adultas. Está previsto que a festa se estenda ata as 19:00 hh.
 
Sarela aproveita esta conmemoración para afianzar as súas relacións no barrio do Traspaxonal, ao que se trasladou hai agora oito meses. Ademais da convivencia cos socios e socias, a festa vai servir para coñecer mellor á veciñanza, comercio e asociacións establecidas nas rúas máis próximas a Pedro Cabezas González.
 
*Sarela prega ás persoas que queiran participar confirmar a asistencia chamando ao 981 577 709 ou ao 881 978 519 (preguntar por Susana).
 
    Cartel XV Aniversario de Sarela
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información