• banner web aniversario2

Noticias

Sarela conmemorará o seu 20 aniversario con actividades até finais de ano

Sarela conmemorará o seu 20 aniversario con actividades até finais de ano

Sarela cumprirá en decembro deste ano o seu 20 aniversario e, para celebralo, durante todo 2020 organizará distintas actividades en Santiago e nos concellos da área sanitaria. Algunha destas accións xa están en marcha e buscan dar visibilidade, sensibilizar e previr o dano cerebral adquirido; anticiparse ás necesidades futuras do colectivo e reivindicar o traballo feito nestes anos polos dereitos e calidade de vida das familias e persoas con DCA.

 

Pensadas participativamente por persoas usuarias dos servizos, familiares, profesionais e colaborades da entidade, as actividades para celebrar este aniversario xa comezaron a comezos de ano co ciclo de charlas “Coñecendo o DCA con Sarela” destinadas a escolares de primaria e secundaria. O obxectivo é crear actitudes positivas cara ás persoas con discapacidade a causa do dano cerebral adquirido a través dunha metodoloxía lúdica.

 

Outras accións de sensibilización que se realizarán nos seguintes meses buscan que calquera persoa poida experimentar as dificultades que teñen as persoas con dano cerebral para realizar actividades de vida diaria. “Ponte no meu lugar” estará en Santiago e noutros concellos para, a partir dunha experiencia directa, poder sentir e afrontar moitas desas dificultades.

Haberá actividades para concienciar sobre secuelas máis específicas vinculadas ao dano cerebral. Unha destas actividades quere dar visibilidade aos problemas que moitas persoas teñen á hora de alimentarse ao sufrir disfaxia (dificultade para tragar). Para iso, en colaboración cun chef da cidade, deseñarase un menú e realizarase un obradoiro para amosar técnicas de adaptación de alimentos. Outras actividades serán a celebración, como outros anos, do Día do Dano Cerebral o 26 de outubro e o do Ictus o 29 do mesmo mes.

 

 

 

Prevención

En canto á prevención, nas próximas semanas realizaranse outras actividades centradas na prevención do DCA como é unha acción específica para previr as lesións nos usuarios máis vulnerables do tránsito como son os peóns, ciclistas, usuarios de patinetes etc.

 

Outras actividades de prevención xirarán en torno ao deporte con iniciativas como “Fai deporte con Sarela” para promover a actividade deportiva inclusiva e dar a coñecer as posibilidades que as persoas con discapacidade teñen para realizar deporte adaptado.

 

Actividades lúdicas e institucionais

Durante esta ano tamén haberá tempo para actividades lúdicas como é a representación da obra que cada ano monta o grupo de teatro da asociación, a estrea dun vídeo para reivindicar o labor de Sarela nestes 20 anos e, para rematar as celebracións, un acto institucional o 19 de decembro coincidindo coa data de constitución da entidade.

 

 

No seguinte enlace podes ver a presentación que persoas usuarias dos nosos servizos fan das actividades planificadas para a celebración deste aniversario:

 

https://www.youtube.com/watch?v=24mcS6TM4bU

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.