Sarela explica o seu uso dos pictogramas no boletín de FEDACE

12/06/2015

Artigo publicado no apartado de Opinión Experta do Compartir nº 103.

Un pictograma é un imaxe que representa de xeito esquemática unha palabra, concepto, obxecto, símbolo ou figura. Os pictogramas son unha das ferramentas que empregan os sistemas de comunicación aumentativa e alternativa para facilitar a comprensión e a expresión.
 
É moi común que as persoas con dano cerebral, como moitas das usuarias de Sarela, teñan afasia -afectación na área da linguaxe a nivel de expresión e/ou de comprensión-, ademais de problemas de visión, ou outras diferentes dificultades. Os pictogramas son útiles para estes perfís, e tamén para calquera outra persoa, pois reforzan as mensaxes que se queren transmitir.
 
O pictograma é, basicamente, un debuxo bidimensional, elaborado a grandes liñas, esquemático, que facilita tanto a visión como a percepción. Algúns son de tipo máis simbólico, e outros resultan máis descriptivos.
 
Sarela quixo incorporar os pictogramas ao seu centro para facilitar a mobilidade e accesibilidade de todas as persoas que recibe, ben sexan usuarias ou visitantes, e utilizounos para sinalizar cada unha das zonas e espazos de traballo. A asociación valeuse dos pictogramas desenvolvidos polo Portal Aragonés da Comunicación Aumentativa e Alternativa, ARASAAC (http://www.arasaac.org/), que son de libre disposición grazas a unha licenza Creative Commons.
 
Velaquí algúns exemplos:
 
-Psicoloxía / Neuropsicoloxía.
Pictograma psicoloxía/neuropsicoloxía.
Este pictograma mostra dúas das funcións cognitivas básicas: lectoescritura e cálculo, relacionadas a través do pensamento. As engranaxes implican movemento, pois son unha maquinaria en funcionamento. Ese movemento activa as capacidades de ler, escribir e calcular -maniféstase no picto grazas ás frechas-, significando, globalmente, a capacidade de pensar.
 
A figura humana que está sentada avalía o funcionamento do pensamento; interprétase que o fai por estar manexando un caderno e un lápiz.
 
-Sala polivalente.
Pictograma sala polivalente.
Trátase dun pictograma descriptivo, que resume as diferentes actividades que se poden desenvolver nunha sala de usos múltiples, mostrando obxectos que serven para traballar ou para o lecer (libros, xogos).
 
Os libros son de varias cores e simulan etiquetas nos lombos para amosar, de xeito simplificado e esquemático, como son eses obxectos, xa que adoitan atoparse agrupados pero seren de distintos tamaños e cores.
 
-Sala de curas.
Pictograma sala de curas.
Un fondo neutro e múltiples elementos básicos relacionados co ámbito sanitario axudan a interpretar o uso dun despacho como sala de curas. Os elementos son sinxelos e de trazado simple: esparadrapo, tiritas e alcohol. Ademais, incorpórase a cruz vermella como elemento universal que simboliza a atención sanitaria.
 
-Baño adaptado.
Pictograma baño adaptado.
Neste pictograma simplifícase ao máximo o icono de persoa, ao constar duns simples trazos, de corte xeométrico, que representan extremidades e cabeza. Enténdese que o cuarto de baño está adaptado xa que se introduce no picto a unha persoa con mobilidade reducida -simbolizada pola cadeira de rodas-. O feito de mostrar máis dun elemento propio do cuarto de baño (ademais do WC pode verse unha ducha) fai entender que se trata dese espazo e non dun simple aseo -onde se vería simplemente o WC-.
 
-Multisensorial e psicosocial.
Pictograma sala multisensorial e psicosocial.
Un nome composto e complexo como o da sala multisensiorial e psicosocial necesita un apoio visual que aproxime a súa función á persoa que intenta orientarse polo centro. Así, móstranse tres dos elementos dos que dispón a sala -tubo de burbullas, cama de auga e parque de bólas- para reforzar a idea de que se trata dunha sala na que se estimularán os sentidos.
 
-Terapia ocupacional.
Pictograma terapia ocupacional.
Combina o descriptivo co simbólico, ao mostrar, á esquerda, á terapeuta, e á dereita un resumo das súas áreas de intervención. O pictograma pon de manifesto que a persoa é a que guía a actividade porque é máis grande e sinala o conxunto de actividades que comprende a terapia ocupacional, todas elas relacionadas coa vida diaria. As actividades son a alimentación, a autonomía -ao camiñar soa- e a lectura -relacionada co lecer-.
 
*Artigo publicado no apartado de 'Opinión experta' do boletín Compartir nº 103 de FEDACE.
 
Categorías: Sarela , FEDACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información