Sarela organiza unha Xornada de Deporte Adaptado o 3 de decembro

26/11/2014

As persoas asistentes poderán observar e probar tres disciplinas diferentes.

O día 3 de decembro conmemórase o Día Internacional da Discapacidade e, para celebralo, Sarela organiza unha Xornada de Deporte Adaptado. As persoas asistentes poderán practicar o boccia, o pádel adaptado, e diferentes xogos populares adaptados asistindo, de 10:15 a 13:45, ao Pavillón Deportivo do Restollal (Santiago).
 
A Xornada de Deporte Adaptado conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede as instalacións, da Asociación Pádel para Todos (ASPADO), que amosará esa disciplina, e de Softee, empresa que cede parte dos materiais deportivos que se van empregar. 
 
Sarela convidou a diferentes asociacións de persoas con discapacidade da zona de Santiago a participar na xornada. As persoas asistentes poderán ir probrando de maneira rotativa as diferentes disciplinas ofertadas: boccia, pádel adaptado e xogos populares. Durante a mañá tamén se vai servir un almorzo saudábel para as deportistas participantes.
 
A práctica deportiva é unha prioridade para Sarela, pois permite sensibilizar sobre a prevención do dano cerebral adquirido. A principal causa desta discapacidade é o ictus, que se pode previr minimizando os seus factores de risco, entre os que está o sedentarismo. A segunda causa do dano cerebral son os traumatismos; moitos deles motivados por golpes no deporte. Incidir na nacesidade de manter unhas boas prácticas durante a actividade deportiva tamén axuda a evitar accidentes que poidan desembocar nun dano cerebral adquirido.
 
Ademais, coa promoción do deporte inclusivo Sarela reivindica os dereitos das persoas con discapacidade, ao fomentar a súa inclusión social e reclamar a ruptura de barreiras -arquitectónicas e tamén sociais-.
 
Categorías: Sarela , Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información