Sarela participa no estudio do INICO para analizar a evolución da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido

01/04/2019

Sarela, xunto con outras entidades sociais e sanitarias, está a participar neste estudio que ten como obxectivos investigar sobre a aplicación e utilidade do concepto de “calidade de vida” aplicado á poboación con dano cerebral adquirido e analizar a súa evolución, entre outros fins.

O INICO (Instituto Universitario de Integración na Comunidade), dependente da Universidade de Salamanca, comezou en 2015 o traballo para a construción e validación da escala de calidade de vida de persoas con dano cerebral en colaboración con FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral) eo CEADAC (Centro de Referencia Estatal de Atención ao Daño Cerebral). O seu obxectivo foi, e segue a ser, elaborar unha ferramenta de avaliación global da calidade de vida da persoa con DCA máis alá dos problemas de saúde e dos procesos cognitivos do individuo. Esta escala é pioneira no ámbito internacional polo enfoque psicosocial de avaliación global da calidade de vida destas persoas.

 

Unha vez creada a escala, o ano pasado comezou unha nova fase desta investigación co obxectivo de analizar a calidade de vida tendo en conta, ademais da avaliación da persoa usuaria, a da familia e profesionais. Sarela, xunto con outras entidades sociais e sanitarias do Estado, está a participar neste estudio que ten como obxectivos investigar sobre a aplicación e utilidade do concepto de “calidade de vida” aplicado á poboación con dano cerebral adquirido; analizar a súa evolución durante cando menos 12 meses e determinar aqueles factores que poidan estar afectando á planificación de ferramentas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral. As profesionais de Sarela que participan nesta nova fase do estudio son as psicólogas/neuropsicólogas Noelia Ouro e Junquera Novo.

 

Para ilo, ao comezo do estudio, aos 6 meses e aos 12 anos as persoas que participan no mesmo (persoa con DCA, familiares e profesionais) deberán cubrir a escala CAVIDADE. Ademais, ao comezo e aos 12 meses deberán avaliar, a través dun breve protocolo, factores que inflúen na calidade de vida dunha persoa como o apoio familiar/social, autoconciencia da enfermidade, resiliencia, depresión, integración na comunidade e unha valoración para coñecer os servizos de atención que reciben.

 

 

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información