Sarela reactiva os grupos de apoio a familias que axudan a afrontar a situación derivada do DCA e a mellorar os seus coñecementos

29/04/2022

O Dano Cerebral ten un gran impacto na persoa con Dano Cerebral e tamén en toda a familia, e dentro dela na persoa que asume o rol de coidadora principal. Por iso é tan importante o traballo específico con elas e os Grupos de apoio para familias son un elemento fundamental pois neles créase un espazo propio onde compartir vivencias, dúbidas, inquedanzas, información etc.

Nestes momentos en Sarela funcionan tres grupos de familia que se organizan en función da fase de atención na que se atopa a persoa con dano cerebral. Dos tres, un está formado por familiares de persoas con dano cerebral en fase subaguda e que asisten ao Servizo de Atención Especializada (rehabilitación) e dous por familiares de persoas con DCA en fase de estabilización que asisten ao Servizos de Atención Diúrna Terapéutica (SADT) e ao Servizo de Mellora e Mantemento da Autonomía Persoal e Inclusión Social (MAPIS), así como ao Servizo de Información, Orientación e Apoio a Familias.

 

O obxectivo principal dos Grupos de apoio para familias é a axuda entre persoas que teñen un familiar con DCA. Cada grupo conta cunha ou varias profesionais que facilitan a sesión e coidan de que todas as persoas participantes poidan expresarse libremente e por igual. Na imaxe desta noticia, por exemplo, a sesión está conducida pola psicóloga/neuropsicóloga Noelia Ouro.

 

Os grupos están formados por familiares que están a pasar por situacións semellantes, o que facilita crear un entorno de confianza no que compartir sentimentos, vivencias e dúbidas persoais así como información e experiencias que son de utilidade para as/os participantes.

 

A identificación afectiva cos sentimentos e o estado de ánimo doutras persoas que pasan por unha situación parecida facilitará a cada participante a adaptación e a forma de afrontar á nova situación derivada do DCA así como a mellorar os seus coñecementos e competencias.

 

Imaxe dunha sesión do grupo de familias celebrado en Boiro conducido polas psicólogas Julia Lodeiro e Antía Sarmiento.

Categorías: Familias

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información