Sarela traslada ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, as demandas do movemento asociativo do dano cerebral

19/01/2024

Esta mañá Sarela recibiu a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, para coñecer os servizos de atención especializada en dano cerebral e escoitar as propostas tanto das persoas usuarias como da xunta directiva. Sarela transmitiu a necesidade de situar ao DCA no centro das políticas públicas sobre discapacidade (de sanidade, servizos sociais, emprego etc) dada a súa dimensión social.

Ademais de visitar as instalacións de Sarela coa explicación de cada servizo por parte da directora de Sarela, Rocío García, o presidente da Xunta e a conselleira conversaron coas persoas usuarias dos servizos de atención diúrna, de rehabilitación e de mellora da autonomía persoal e inclusión social. Ao finalizar o percorrido polo edificio, Rueda asinou no libro de honra da asociación e fixo unhas declaracións aos medios de comunicación. Previamente, o presidente de Sarela José Balboa agradeceu a visita e instou ao máximo mandatario galego a que a Xunta de Galicia siga avanzando na atención ás persoas e familias con dano cerebral.

Posteriormente, Rueda e García mantiveron unha reunión de traballo coa vicepresidenta de Sarela, Concha Otero, e co secretario da entidade e tamén presidente de Fegadace, Luciano Fernández.  Nesa xuntanza  trasladáronlles unha proposta de actuacións que o movemento asociativo galego considera necesarias para situar ao DCA no centro das políticas públicas sobre discapacidade (de sanidade, servizos sociais, emprego etc) dada a súa dimensión social. Nese sentido lembraron que hoxe o dano cerebral é a primeira causa de discapacidade e dependencia e en Galicia máis de 35.000 persoas teñen Dano Cerebral Adquirido.

Algunhas das medidas trasladadas ao presidente Rueda en nome de Fegadace foron:

  • Creación no Parlamento de Galicia dunha Comisión Permanente para Persoas con Discapacidade que permitiría, entre outros obxectivos, dotar ás políticas públicas sobre discapacidade dun status prioritario na axenda política e lexislativa. Sería tamén un instrumento que fortalecería a cooperación do Parlamento coas entidades sociais do terceiro sector.
  • Avanzar nas políticas de accesibilidade universal (físicas, cognitivas etc)
  • Unha vez aprobado nesta lexislatura o Proceso Asistencial Integrado do dano cerebral, paso que Fegadace valora de forma moi positiva, agora é preciso implantalo no menor tempo posible. Iso precisará reestruturar os recursos existentes así como dotarse de novos medios materiais e humanos.
  • Implantar un modelo de financiamento autonómico estable e sustentable para poder prestar os servizos que non están incluídos no concerto social. A recente aprobación do concerto social para a prestación de servizos sociais en Galicia puxo fin a unha situación de grande incerteza para o movemento asociativo pero, con todo, existen unha serie de recursos igualmente imprescindibles para garantir a calidade de vida das persoas con dano cerebral.
  • Ampliar o número de prazas públicos nos servizos de atención ao dano cerebral como por exemplos os de atención diúrna terapéutica.
  • Unha das áreas nas que as entidades perciben unha maior marxe de mellora son as políticas públicas de emprego dirixidas a persoas con DCA. Nese sentido destacan dúas: a desigualdade no acceso ao emprego público e as carencias do servizo público de emprego na atención ás necesidades específicas do colectivo.
  • As propostas que lles trasladaron ao presidente da Xunta é a necesidade de incluír os códigos asociados coas secuelas do dano cerebral adquirido nas convocatorias de emprego público destinadas a discapacidade intelectual. Actualmente, as persoas con secuelas cognitivas como problemas de memoria, concentración etc teñen que competir con persoas con discapacidade física e que non teñen esas dificultades.
  • En relación ao funcionamento do servizo público de emprego, expuxeron a necesidade de ter presentes as secuelas específicas do DCA, sobre todo as chamadas invisibles (emocionais, condutuais e cognitivas) e necesidade de coordinarse e derivar aos servizos de orientación laboral das entidades de dano cerebral.

Foto: O presidente da Xunta e a conselleira de Política Social, xunto co presidente e a vicepresidenta de Sarela durante a visita, nun momento do encontro coas persoas usuarias.

 

Foto: O presidente da Xunta asinando no libro de honra de Sarela.

 

Foto: comparecencia ante os medios de comunicación.

 

Foto: O presidente Alfonso Rueda xunto coas e coas compoñentes do grupo de primeira persoa de Sarela, formado por persoas con DCA.

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información