As persoas usuarias de Sarela trasladan ao Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, as súas demandas relacionadas coa pandemia

09/06/2021

González Abeijón visitou esta maña a entidade para coñecer o funcionamento dos servizos e os proxecto. As persoas usuarias trasladáronlle a necesidade de que todas as persoas usuarias do centro de día estean vacinadas e lembráronlle que compañeiros e compañeiras seguen sen incorporarse ao servizo. O presidente de Sarela, José Balboa, agradeceu o apoio durante a crise sanitaria e trasladou un documento con propostas para a mellora da atención ao dano cerebral e das políticas sociais en xeral.

O Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá Sarela para coñecer de primeira man o funcionamento dos servizos e proxectos da entidade. As persoas usuarias dos mesmos mantiveron un encontro con González Abeijón para exporlle as súas necesidades e inquedanzas relacionadas sobre todo coa situación sobrevida pola pandemia e agradeceron o apoio recibido. Pola súa banda José Balboa, presidente de Sarela, e Rocío García, directora da entidade, trasladaron un documento coas demandas específicas sobre Dano Cerebral Adquirido e outras xerais para mellorar a política social en Galicia.

 

A visita, que foi enriquecedora, serviu para coñecer o día a día de todos os servizos e ver in situ os cambios obrigados pola Covid-19. González Abeijón reuniuse cun grupo de persoas usuarias que leron unha carta asinada por elas na que resumen o seu sentir en relación á pandemia e como lles afectou no día a día.

 

 

Despois de agradecer a colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en aspectos como é a achega de material como máscaras e xel hidroalcólico, a carta repasa os cambios que se tiveron que facer no centro o nas rutinas do servizo para garantir a seguridade sanitaria. A obriga de facer grupos burbulla co conseguinte afastamento doutros/as compañeiros/as, as limitacións á hora de realizar actividades no exterior, a imposibilidade de recibir visitas etc marcan esa convivencia. Na carta tampouco se esqueceron dun compañeiro que perderon ao enfermar por coronavirus.

 

Seguen os problemas coa vacinación

A pesares das medidas tomadas dende este servizo, non entendemos como sendo un grupo de risco, hai compañeiros que aínda non teñen posta ningunha vacina (a día de hoxe 3 persoas). Hai tamén 8 compañeiros coa pauta de vacinación incompleta (só a 1ª dose) e incluso hai compañeiros que debido a súa situación de saúde e o risco de non estar inmunizados non se puideron incorporar aínda ao servizo”. Así expresan na carta o seu sentir en relación ao proceso de vacinación. “Sen estar todos vacinados non podemos retomar o que tanto apreciamos. Pediríamos, se fose posible, que se vacinase a todas as persoas que acoden o centro, independentemente da nosa idade. Somos unha poboación de risco. Isto nos permitiría poder facer unha vida mais normalizada e inclusiva, para nós o tempo que pasou conta o dobre”, continúan.

 

Sarela agradece o interese de Fernando González Abeijón por coñecer Sarela e a preocupación amosada durante o encontro polo seu funcionamento e benestar das persoas usuarias dos servizos así como o interese polos proxectos de futuro da entidade.

 

Outras demandas

No encontro de hoxe Sarela entrogoulle a Fernando González Abeijón un informe elaborado polas traballadoras sociais de Sarela no que se recollen propostas para mellorar a atención específica das persoas con dano cerebral e outros aspectos xerais das políticas sociais que teñen que ver co recoñecemento da discapacidade e dependencia, a seguridade social etc.

 

Categorías: Sarela
Compartir en:

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Aceptar todas Configurar Cookies Máis información