#VOTAPARAQUEVOTEMOS

14/06/2016

Sarela sumouse á petición do CERMI de esixir o restablecemento do dereito ao voto para todas as persoas con discapacidade cun vídeo que formou parte da nosa última obra de teatro "Sarela e a Fábrica de chocolate".

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), xunto ás súas organizacións membro, convocou unha concentración cívica fronte ao Congreso dos Deputados o venres 17 de xuño co fin de esixir o dereito ao voto para todas as persoas con discapacidade e que, ademais, se dote de plena accesibilidade universal aos procesos electorais.

 

A concentración, baixo o lema “Vota para que votemos” procura que as eleccións do 26 de xuño sexan as últimas nas que 80.000 persoas con discapacidade intelectual, enfermidade mental ou deterioro cognitivo non teñan recoñecido o dereito de sufraxio.



O movemento organizado da discapacidade reclama que se modifique a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) para que se respecte a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que segue sen cumprirse neste aspecto, pese a que é de obrigada aplicación en todos os países que a ratificaron, entre os que se atopa España. Nas redes sociais promoveuse a etiqueta #Votaparaquevotemos.



Outros impedimentos

 

O CERMI considera tamén urxente eliminar todos os obstáculos que atopan algunhas persoas con discapacidade nos procesos electorais, que pese a ter recoñecido o dereito de sufraxio, enfróntanse a colexios electorais con barreiras arquitectónicas, mitins con problemas de accesibilidade ou impedimentos para formar parte dunha mesa electoral.



Así, a entidade denuncia que en todos os procesos electorais as persoas con discapacidade enfróntanse a múltiples exclusións, discriminacións e barreiras que lles impiden exercer con plenitude o seu dereito fundamental de sufraxio.


 

Categorías: Sarela
Tags: CERMI

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información