“Chámalle X”, a campaña das entidades sociais para animar o recadro de fines sociais na declaración da renda

31/03/2023

Esta mañá as entidades que representamos ao Terceiro sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social, agrupadas en Cermi-Galicia, EAPN-Galicia e Plataforma de organizacións de infancia-Galicia, presentamos a campaña cun acto na Praza da Quintana. Grazas ao “X Solidario”, no 2022 máis de 140 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 607 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 182.904 persoas.

No acto celebrado esta mañá tamén se deu lectura ao manifesto conxunto no que todas as entidades representadas queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda, marque o recadro do X Solidario (Actividades de Interese Social). O traballo que realizamos é posible, en grande parte, grazas a quen fai este xesto cando cubre a súa Declaración da Renda. 

En Galicia, o ano pasado recadáronse 21.391.293 €, grazas a que 750.867 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración. Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 35.027.060 € (13.635.767€ máis).

Aínda así, 627.161 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (512.123 non marcaron ningún recadro e 115.038 só marcaron o da Igrexa). En toda España a campaña da renda do ano pasado recadou 386.865.000 €.

Que é o X Solidario?
Cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan a que queren destinar unha parte dos impostos que se recadan mediante o IRPF, en concreto o 0’7%.
Cando alguén fai a declaración da renda ten catro alternativas á hora de tomar esta decisión:

  1. Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos teus impostos para
  2. que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que más o precisen.
  3. Marcar os dous recadros: ‘Fins sociais’ e o da ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.
  4. Marcar só o cadro da ‘Igrexa Católica’.
  5. Non marcar ningún recadro e será o Estado quen decida o que se fai con ese 0’7%.

Porque ao facer isto NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións. Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar.

Quen se beneficia?
Marcando o recadro de ‘Fins Sociais’ permite a realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Porque marcando o cadro de fins sociais loitamos para cambiar a situación de miles de persoas, máis de 13 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 678.000 en Galicia. 237.769 destas en pobreza severa.

Persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenos e nenas... son quen se beneficia desta solidariedade cidadá que queda manifesta cando se marca a casiña “Actividades de Interese Social”.

Grazas ao X Solidario, no 2022 máis de 140 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 607 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 182.904 persoas.

Os proxectos desenvoltos atenden a realidades concretas: teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

Categorías: Terceiro sector
Tags: X Solidaria

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información