Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido

12/06/2017

FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) conmemora este ano o seu 10º Aniversario e para celebralo a noso tradicional Foro de Familias será unha gran festa na que terán cabida todo o movemento asociativo do dca. Celebrarémola en Santiago de Compostela o sábado 17 de xuño.

A Xuntanza inclúe música, deporte, sorteos, e un xantar conxunto. Será ao aire libre, na Avenida das Letras (diante do Colexio Maior Rodríguez Cadarso) do Campus Vida da USC, en Compostela. Ademais do financiamento da Consellería de Política Social, conta co apoio do Concello de Santiago e coa colaboración de GadisFeiraco e Termas de Cuntis.

Boccia na Festa do Deporte

A Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido comeza ás 11:30 cun Torneo de Boccia no que van participar os equipos das cinco asociacións de FEGADACE: ADACECOADACE LugoAlentoRenacer e Sarela.

Esta actividade intégrase na programación da Festa do Deporte que o Concello de Santiago organiza durante toda a xornada en diferentes espazos da cidade, e contará cunha pista habilitada para que calquera persoa que se achegue poida probar a practicar este deporte adaptado, deseñado especificamente para as persoas con discapacidade.

O torneo terá lugar nas pistas de tenis 3 e 4 do mesmo Campus Vida. Está previsto que finalice ás 13:45.

Programación lúdica e festiva na #XuntanzaDCA

En paralelo á actividade deportiva, FEGADACE prepara un espazo de benvida ás persoas asistentes amenizado por un DJ que vai ambientar toda a xornada. Arredor das 13:30 comezarase a servir un aperitivo, que dará paso ao xantar popular, no que se vai servir polbo e churrasco.

Despois do xantar, deixando espazo para a sobremesa, haberá un sorteo e continuará a música, que durará ata o peche da xornada, sobre as 18:00 hh.

A inscrición realízase a través das asociacións membro de FEGADACE, e ten un importe de 10 euros para sufragar os gastos do xantar.

FEGADACE habilitou o hashtag #XuntanzaDCA para darlle seguimento a toda a información sobre o evento en redes sociais.

10º Aniversario

A Federación acada en 2017 a súa primeira década de vida e conmemóraa co lema 'Pasiño a pasiño faise o camiño'. Son dez anos amodo, consolidando cada paso, sen estrés para previr o ictus, a 10 quilómetros por hora para evitar os accidentes de tráfico, freando cada causa de dano cerebral e cimentando cada avance na construción da Federación.

Ademais da reformulación do Foro de Familias -esta sería a súa sexta edición-, FEGADACE ten previsto celebrar os seus dez anos de vida con máis actividades ao longo do ano. Iranse anunciando a través da súa páxina web e redes sociais.

 

Información elaborada a partir da web de FEGADACE.

 

 

 

Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información