Unha persoa voluntaria é alguén que colabora por medio de entidades públicas ou privadas estables e democráticas sen ánimo de lucro e de acordo con programas e/ou proxectos concretos de interese xeral. Esa colaboración é dun xeito altruísta, desinteresado e solidario, con carácter voluntario e libre e sen contraprestación económica.
A persoa voluntaria apoia ao profesional de modo que repercute favorablemente nas persoas usuarias ou na entidade. Quere isto dicir que a realización dunha actividade ou proxecto de Sarela non dependerá da existencia nese momento de voluntarios/as.
Eles e elas ofrecen apoios ao equipo de profesionais polo que o seu obxectivo non é manter esa actividade ou proxecto senón que grazas á súa colaboración estes vanse desenvolver con máis reforzos.
Todos os servizos e programas de Sarela están abertos á colaboración. As únicas condicións, como dixemos antes, é que ese traballo non pode ser substitutivo do dun profesional e que a súa participación debe ser activa, cunhas funcións claras e sempre con apoio e supervisión.
Sarela na actualidade ofrece a posibilidade de participar como voluntario a través do voluntariado presencial na nosa sede ou do voluntariado virtual. Podes consultar a oferta dos postos de acción voluntaria neste enlace.
Se tes interese en colaborar con Sarela, cobre o seguinte formulario. De seguida obeterás resposta da técnica responsábel de Voluntariado, Majo Hermida.
Grazas por pensares en Sarela.