SOStén os meus dereitos

03/12/2022

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, o Movemento social da discapacidade agrupado en torno ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) fai público o seguinte manifesto.

Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

SOSostén os meus dereitos

Pola sustentabilidade dos apoios ás persoas con discapacidade e as súas familias

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, no correspondente ao ano 2022, o Movemento social da discapacidade agrupado en torno ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) fai público o seguinte manifesto:

A discapacidade, unha realidade esquecida? Os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística evidencian que o 20 % da poboación española (persoas con discapacidade e as súas familias) está directamente relacionado coa discapacidade. A última gran operación estatística oficial sobre discapacidade (EDAD 2020), unida ás enquisas que anualmente recollen datos relevantes sobre esta realidade social, mostra que este grupo cidadán segue precisando de políticas específicas enérxicas para alcanzar un limiar aceptable de dereitos, inclusión e benestar.

Está comprobado que as políticas públicas que recoñecen os dereitos das persoas con discapacidade e das súas familias benefician a toda a sociedade. Os grandes avances que fan que un país estea á cabeza das democracias exemplares sempre veñen da man do social.

Tamén é un feito que, nos momentos de graves crises económicas, sociais e de convivencia, as persoas que máis sofren as consecuencias, devastadoras moitas veces, son as que se atopan en risco de exclusión, e dentro deste grupo, as últimas en recibir apoios sempre son as persoas con discapacidade e as súas familias. A pandemia por COVID 19, a invasión pola Federación Rusa de Ucraína e a guerra consecuente, a subida exacerbada de prezos e a crise económica actual, son só algúns exemplos, non os únicos.

Isto sucede porque a conxunción de factores de exclusión fai que as persoas con discapacidade sempre estean en maior risco de quedar fora cando se une a esta circunstancia o xénero, a idade, a pertenza ao rural, a condición de persoa protexida internacionalmente, a etnia, a diversidade sexual, a situación de pobreza, entre outros. É especialmente relevante a situación das mulleres e nenas, o 60 % da poboación con discapacidade en España.

O valor da sociedade civil é incuestionable na atención ás persoas nunha sociedade aberta avanzada. As organizacións representativas da sociedade civil da discapacidade sempre foron por diante á hora de ofrecer unha rede de apoios e acompañamento, sen os cales a vida diaria de moitas persoas e familias non sería posible. Nos momentos de maior gravidade, as organizacións foron a únicas que estaban aí, reclamando, denunciando, atendendo, acompañando, protexendo vidas.

Movemento CERMI, 25 anos de cambio social desde a unidade e cohesión do sector da discapacidade
Os 25 anos de existencia do CERMI desencadearon avances esenciais no recoñecemento de dereitos, inclusión e benestar das persoas con discapacidade e as súas familias. O CERMI demostrou desde os seus inicios que é posible a reivindicación que esixe con firmeza e á vez, de xeito cooperativo, a construción de alianzas. O labor de incidencia desde a unidade, elemento primordial da cultura CERMI, mostrouse en toda a súa esencia nos momentos de maior dificultade.

Ante esta realidade, no Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, o Movemento CERMI declárase en situación de emerxencia. Hoxe máis que nunca o CERMI clama SOS Discapacidade, Sostén os meus dereitos, e esixe o cumprimento destas demandas:

Primeira. O Movemento CERMI alerta da situación devastadora na que se atopan as entidades asociativas da discapacidade, que están nunha precariedade que aboca ao risco real de desaparición de moitas delas, e dos apoios e atencións que prestan.

Segunda. O Movemento CERMI reclama dos poderes públicos medidas alternativas, extraordinarias, que compensen este quebranto á sustentabilidade das organizacións representativas das persoas con discapacidade e das súas familias e que, en definitiva, permitan a supervivencia de entidades acreditadas, solventes, con traxectoria e programas con gran impacto social.

Terceira. O Movemento CERMI esixe, en particular, a consideración plena e indiscutida do Grupo Social ONCE como entidade do terceiro sector de acción social para todos os efectos: a súa traxectoria e a súa achega ao desenvolvemento social do noso país, xustifícano plenamente.

Cuarta. O Movemento CERMI expón que o Semestre de Presidencia da Unión Europea 2023 é un momento idóneo para que España impulse a escala europea un modelo de financiamento sostible para o sector social e as entidades do Terceiro Sector da discapacidade.

Quinta. O Movemento CERMI reivindica a revisión profunda do modelo de financiamento e respaldo ás entidades do Terceiro Sector de Acción Social da discapacidade, que se demostrou como claramente insostible e incapaz de dar resposta ás necesidades reais das persoas con maior exposición á exclusión e a discriminación.

Na páxina do CERMI podes acceder ás vesións do manifesto en:

LECTURA FÁCIL

EN PICTOGRAMAS

Vídeo de Cermi Galicia: a accesibilidade universal 'non é un privilexio, é un dereito'

Un grupo de persoas con diferentes discapacidades explica como son as barreiras que dificultan, e mesmo impiden, a súa inclusión e participación social. Así é o vídeo que o CERMI Galicia elaborou e estreou este 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade de 2022, e que ten como título 'Non é un privilexio, é un dereito', referíndose á accesibilidade universal.

O dano cerebral adquirido está representado no vídeo por Gonzalo, un socio de Sarela que explica as complicacións do retorno ao seu posto de traballo, e o illamento no que se atopa en ocasións por ter dificultades cognitivas.

E é que o vídeo amosa como as barreiras non son só físicas ou arquitectónicas, senón tamén cognitivas, sensoriais, de lectoescritura, sinaléctica, e un longo etcétera, para, con iso, reclamar a accesibilidade universal como un dereito que beneficia ao conxunto da sociedade.

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información