A páxina web inclúe os produtos elaborados no obradoiro de manualidades de Sarela.
Sarela acaba de iniciar unha colaboración coa páxina web e tenda online
Escolma Comunicación Local. Desde esta semana, os produtos elaborados polas persoas usuarias da asociación poden adquirirse, tamén, a través de Escolma, que pretende dinamizar o comercio local e responsable a través da súa
páxina web.
Escolma Comunicación Local é unha iniciativa de ciclomensaxería, comercio, cultura e publicidade que traballa en Santiago de Compostela e na súa comarca. Así, está tecendo unha rede de empresas e asociacións que cumpren coa premisa de ofrecer un consumo responsable e compilan os seus produtos nunha tenda online unificada.
Sarela contra cun
espazo propio na web e colabora con Escolma ofrecendo diversos produtos (caixas, bandexas, chaveiros, broches...) que se elaboran nos seus obradoiros de artesanía a partir de materiais reciclados e reutilizados. Ofrécense cun prezo de recollida no centro, ou co servizo de entrega a través de ciclomensaxería que ofrece a propia Escolma.
A Asociación de Dano Cerebral de Compostela congratúlase por participar nesta rede de entidades locais. Na imaxe pódese ver a Carmen, a monitora da actividade de manualidades, posando con algunhas das creacións de Sarela e co casco que serve de emblema de Escolma.