Aprobado o Convenio de colaboración do Concello de Santiago con Sarela para actividades terapéuticas e lúdicas en piscina

19/05/2022

A Concellaría de Políticas Sociais subvencionará dúas actividades para persoas usuarias do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica: a realización de terapia acuática na piscina accesible de Sarela e unha nova actividade lúdica de balneario. A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago aprobou este convenio por valor de 3.000 euros na súa sesión de 16 de maio.

Na actividade de terapia acuática aprovéitase as características mecánicas e térmicas da auga para realizar un tratamento con fins terapéuticos. Na piscina terapéutica de Sarela trabállase de maneira pasiva coas persoas cunha menor mobilidade, realizando mobilizacións e estiramentos nun medio que induce á relaxación da musculatura e estímulos propioceptivos. Para as persoas con maior mobilidade, fomentarase o traballo activo dirixido a mellorar o equilibrio, marcha, forza, resistencia e capacidade cardiorrespiratoria.

 

Este ano, no proxecto presentado por Sarela inclúese a novidade de subvencionar a participación destas persoas usuarias nunha actividade de balneario. Despois de pasadas as restriccións da pandemia, que incluso obrigaron a suspender o uso da piscina terapéutica de Sarela, a nova actividade ten un enfoque lúdico e de desfrute do medio acuático no entorno comunitario.

 

Para iso as persoas beneficiarias do programa desprazaranse a unha instalación balnearia da comarca de Compostela estando acompañada por profesionais da entidade. Ademais da parte lúdica, esta actividade aproveita as propiedades mecánicas e térmicas da auga para estimular a circulación das persoas participantes.

 

O convenio para 2022 dá continuidade á colaboración que Sarela e Concello de Santiago manteñen desde a súa fundación e que se traduce por exemplo na colaboración á hora de realizar outras actividades de sensibilización sobre o dano cerebral (charlas, conmemoración do día do DCA etc) e que tivo un fito fundamental na cesión a longo prazo dunha parcela municipal para construír a sede da entidade no barrio do Castiñeiriño.

 

 

Na canle de Youtube de Sarela podes acceder a cinco vídeos nos que explicamos a terapia acuática aplicada ao DCA. Tes máis información sobre a terapia acuática e as características da piscina accesible de Sarela nesta mesma web.

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información