Nova Tenda solidaria de Sarela na rede

30/11/2023

É un espazo no que a asociación porá á venda os produtos artesanais e feitos a man polas persoas usuarias dos seus servizos de atención ao dano cerebral. Bolsas, chaveiros, broches, imáns ou cadernos son algúns dos produtos cos que bota a andar e que no Nadal terá packs especiais de produtos pensados como agasallos. Na tenda tamén se poderán encargar produtos personalizados como agasallos para eventos persoais (vodas, aniversarios etc) ou como regalo de empresas, institucións, etc.

Os produtos que están á venda na Tenda solidaria de Sarela están realizados a man polas persoas usuarias dos servizos de Mapis e SADT da asociación. Estes servizos teñen desde hai tempo entre as súas actividades terapéuticas distintos obradoiros de creatividade e expresión artística nos que as persoas usuarias realizaban estes produtos, co apoio de persoas voluntarias e a dirección das profesionais.

A idea de crear unha tenda na web de Sarela xurdiu da necesidade de buscar algún canal de distribución deste material. Deste xeito, ademais de acadar un financiamento extra para a entidade que reverterá nas persoas e familias con DCA, tamén se crea unha ferramenta para poñer en valor o seu traballo dándolle visibilidade.

Neste momentos na tenda ofértanse bolsas, chaveiros, broches, imáns e cadernos todos feitos a man e con deseños únicos. Coincidindo coas datas de Nadal tamén hai packs especiais de produtos pensados como agasallos. Na tenda tamén se poderán encargar produtos personalizados como agasallos para eventos persoais (vodas, aniversarios etc) ou como regalo de empresas, institucións, etc.

A Tenda solidaria de Sarela foi creada por unha empresa compostelá con experiencia no desenvolvemento doutras plataformas de venta. Para mercar a persoa deberá rexistrarse como usuaria, proceso que pode ser realizado previamente ou no momento de proceder ao pagamento. O pago é totalmente seguro e existe a opción de realizalo con tarxeta (a través da plataforma de pagamento de Abanca) ou por transferencia bancaria, como se dixo con todas as garantías de seguridade. O/a cliente tamén poderá elixir entre recoller gratuitamente en persoa o pedido nas instalacións de Sarela ou que lle sexan enviadas, pagando os gastos, a través do servizo de Correos ao enderezo que indique.

A creación da tenda solidaria de Sarela contou con financiamento da UE a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Categorías: Tenda

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información