O 30 de maio celébrase o Día do Deporte Solidario con Sarela

19/05/2015

Centro Deportivo, Área Central, USC e o Concello de Santiago colaboran para organizalo.

A asociación Sarela vai ser a entidade beneficiaria do Día do Deporte Solidario, un evento que está a organizar Centro Deportivo coa colaboración da Universidade de Santiago (USC) e do Concello de Compostela no centro comercial Área Central. A xornada deportiva será o sábado, 30 de maio, de 11:00 a 21:00 hh.
 
O Día do Deporte Solidario inclúe a exhibición e proba de diferentes deportes, como esgrima, karate, iudo, tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, hóckey, xadrez, ximnasia rítmica, atletismo, patinaxe, bodyjump, zumba, ioga, bolos, petanca...
 
Ademais dos deportes, que se irán simultaneando, haberá unha exposición fotográfica e animación durante toda a xornada.
 
No apartado de deporte adaptado, está previsto que se desenvolva un obradoiro de boccia. Esta disciplina, concibida para persoas con discapacidade, vai estar titorizada polo equipo de Sarela en horario de 17:00 a 19:00 hh.
 
A Asociación de Dano Cerebral de compostela Sarela agradece a Centro Deportivo esta iniciativa solidaria. Tamén a Área Central, ao Servizo de Deportes da USC e á Concellería de Deportes de Santiago de Compostela, que colaboran co evento, así como aos diferentes clubes e entidades deportivas que van aportar o seu coñecemento en cada disciplina.
 
Deporte e dano cerebral adquirido
 
A práctica deportiva é unha prioridade para Sarela. Calcúlase que o 78% de casos de dano cerebral están motivados por un ictus. Esta doenza non se pode evitar, pero si se pode prever minimizando os seus factores de risco: hipertensión, sedentarismo, colesterol, obesidade... Uns hábitos de vida saudábeis, que inclúen a práctica regular de exercicio, contribúen a reducir eses factores de risco do ictus e, polo tanto, o dano cerebral adquirido.
 
Ademais, o deporte tamén é importante para as persoas con discapacidade. Facer exercicio axuda a evitar a dependencia, desenvolve capacidades físicas, aumenta a autoestima e incrementa a autonomía persoal.
 
    Día do Deporte Solidario
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información