• slide interiores

Noticias

Psicólogas antes que neuropsicólogas

Psicólogas antes que neuropsicólogas

Noelia Ouro e Junquera Novo son psicólogas de Sarela.

 

A neuropsicoloxía é unha rama dentro da psicoloxía. Polo tanto, como neuropsicólogas, somos ante todo psicólogas, o que quere dicir que nos dedicamos a acompañar e a axudar a persoas que están a pasar por unha situación difícil. O prefixo “neuro” indica que temos coñecementos no campo das neurociencias, sabemos como se relacionan cerebro e conduta, e que ocorre cando se produce un dano no cerebro. Pero como psicólogas témonos que centrar na persoa, que é moito máis ca un cerebro.

 

O dano cerebral adquirido (DCA) aparece de forma súbita na vida dunha persoa e da súa familia. As consecuencias do dano cerebral son moi variadas en función da área cerebral lesionada e da gravidade do dano. Na área de neuropsicoloxía centrámonos fundamentalmente en tres tipos de consecuencias: cognitivas (problemas de atención, de memoria, dificultade para resolver problemas...); condutuais (impulsividade, irritabilidade, falta de iniciativa...); e emocionais (baixo estado de ánimo, ansiedade, labilidade emocional...).

 

Tradicionalmente, o labor da/o neuropsicóloga/o dirixiuse máis aos aspectos cognitivos, centrándose non tanto na persoa como no seu cerebro. Afortunadamente, cada vez máis enténdese o seu traballo como dirixido á globalidade da persoa, deixando de separar psicoloxía e neuropsicoloxía e dándolle a importancia que merecen os aspectos condutuais e emocionais.

 

Estes cambios emocionais e condutuais pódense deber á lesión cerebral pero é importante non esquecer que en moitos casos son máis unha consecuencia da nova situación á que debe facer fronte a persoa con DCA e a súa familia. Dito doutra forma, estes trastornos non só dependen do funcionamento do cerebro senón que tamén están relacionados con como era a persoa previamente e como mudou a súa forma de relacionarse co entorno.

 

A experiencia do dano cerebral é distinta para cada persoa. A historia de vida de cada un, as súas experiencias, as súas relacións etc constitúen a identidade da persoa en cada momento. Esa persoa terá a súa propia personalidade, sistema de crenzas sobre o mundo, valores e o seu repertorio de habilidades para afrontar os problemas e dificultades do día a día. É por isto que, aínda no improbable caso de que dúas persoas tivesen exactamente a mesma lesión, as consecuencias serán diferentes para cada unha delas.

 

Coa chegada do DCA prodúcense cambios na forma en que percibimos o mundo, o que pode facer que un sinta que non é a mesma persoa e influír sobre a autoestima e o autoconcepto. Ademais, moitas das consecuencias do dano cerebral non son reversibles, polo que a persoa terá que asumir as súas propias limitacións e construír unha nova identidade, aceptando o seu novo “eu”.

 

O proceso de construción desta nova identidade implicará un cambio nas crenzas previas da persoa. Existen unha serie de ideas que son difíciles de reconciliar co DCA sobre todo no momento inicial. Por exemplo, é frecuente pensar que ás persoas boas ocórrenlles cousas boas, mentres que as cousas malas pásanlles ás malas persoas. Este tipo de conviccións son as que nos fan pensar cousas como “¿por qué a min, se eu non fixen nada para merecer isto?”. Outras crenzas difíciles de encaixar nesta situación son, por exemplo, que “o mundo, en xeral, é un lugar seguro” ou que “eu controlo a miña vida e o meu futuro”.

 

Ademais de sobre o mundo, as persoas tamén temos unha serie de crenzas sobre a saúde e tendemos a identificala coa ausencia de enfermidade. Isto pode facer que pensemos que ter unha serie de secuelas implica “ser un/unha enfermo/a”. Pero a saúde non é soamente a ausencia dunha enfermidade. É moito máis e implica benestar e calidade de vida, conceptos que non son incompatibles cun dano cerebral.

 

Outro elemento importante na formación deste novo “eu” son as estratexias de afrontamento. Ao longo da vida van xurdindo dificultades e problemas e pouco a pouco construímos todo un repertorio de estratexias para solucionalas. Ao aparecer o DCA é posible que aquelas estratexias que serviron no pasado non sirvan agora ao ser unha situación nova para a que non se está preparado. Tamén é posible que as alteracións cognitivas (atención, memoria, linguaxe...) impidan levar á práctica aquelas estratexias que foron útiles no pasado.

 

Ademais das variables persoais, o entorno tamén ten o seu papel. As novas demandas físicas e cognitivas, o cambio nos papeis que exercían na familia e no entorno social, a menor participación no entorno laboral e comunitario etc influirán tamén sobre as emocións e a conduta.

 

En ocasións estes aspectos psicolóxicos déixanse nun segundo plano, sexa por influenzas culturais ou polo funcionamento do propio sistema sanitario que presta máis atención aos problemas de tipo físico. Sen embargo, todos estes cambios psicolóxicos tamén dan lugar a unha redución da autonomía, provocando restricións na participación social, laboral etc, o que se traduce nun menor benestar e peor calidade de vida.

 

Por iso, a pesar de que moitas das persoas que chegan a Sarela veñen buscando melloras na parte física, non podemos deixar de traballar tamén as limitacións cognitivas, condutuais e emocionais. Por moito que unha persoa mellore a súa mobilidade, de pouco serve se non sabe como nin onde ten que ir, se non ten interese e motivación ou se o seu comportamento impide que poida ir soa a ningures. É dicir, a mellora das capacidades físicas é fundamental pero é unha peza máis neste proceso.

 

¿E qué ocorre coas familias? O DCA non só afecta á persoa afectada senón tamén a súa familia. Ante a nova situación as familias reorganízanse deixando nun segundo plano os seus proxectos e necesidades, dedicándose ao coidado do seu familiar e chegando en moitos casos a illarse. É moi frecuente que unha soa figura (parella, nai, pai, filla ou fillo) sexa a coidadora ou coidador principal da persoa con DCA. Esa situación dá lugar a unha sobrecarga de tarefas, estrés e problemas de saúde da persoa coidadora e por todo isto o traballo da/o psicóloga/o tamén temos que estendelo a elas.

 

Para rematar, non podemos esquecer que o noso traballo non leva a ningures se non se fai en equipo co resto de profesionais: logopedas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, traballadores sociais, educadores sociais e auxiliares. Só desta forma conseguiremos unha mellora global na calidade de vida da persoa.

 

 

Categorías: Sarela
Tags: Artigos, Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.