Cambios nas actividades previstas para o Día do DCA

16/10/2023

Debido ao mal tempo que haberá na mañá do xoves, ao seu pesar Sarela debe cambiar a previsión de actividades pensadas para a celebración do Día do Dano do Cerebral. Suspéndese a andaina desde a Alameda á praza do Obradoiro. A lectura do manifesto farase, por unha representación da asociación, no salón nobre do Pazo de Raxoi.

Contido modificado o 25 de outubro

-------------------------------

O Día do Dano Cerebral Adquirido celébrase desde 2007, ano no que o Consello de Ministros oficializou o 26 de outubro como data para dar visibilidade ao colectivo de persoas con DCA. Desde entón, este día converteuse nun espazo de reivindicación das inquedanzas e necesidades de atención das persoas con DCA e súas familias.

Un ano máis o acto principal organizado por Sarela será unha andaina aberta a toda a cidadanía que percorrerá as rúas da Cidade Vella desde a Alameda (saída ás 11:30 h. da estatua dedicada a Maruxa e Coralia) até a praza do Obradoiro. Alí, sobre as 12:00 h. diante da casa do Concello, persoas con dano cerebral e familiares lerán o manifesto que recolle o sentir e reivindicacións do movemento asociativo.

Mesas informativas e iluminación de edificios institucionais
Outras actividades que se organizarán ese día serán a instalación de senllas mesas informativas nos hospitais de referencia da Área sanitaria de Santiago e Barbanza. No CHUS a mesa estará desde as 9:30 a 12: 00 h. e no hospital de Ribeira de 9:30 a 11:30 h.

Como outros anos Sarela tamén implicou a institucións como o Concello de Santiago, Xunta de Galicia e Parlamento de Galicia, así como a varios concellos da área sanitaria, para que apoiaran simbolicamente esta data iluminando de azul as súas sedes e outros edificios. Esta iniciativa desenvólvese en toda España impulsada por FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral) e en Santiago iluminaranse de azul a Casa do Concello, os edificios da Xunta de Galicia en San Caetano e San Lázaro, así como a Cidade da Cultura, e o Parlamento de Galicia.

As secuelas invisibles centran as reclamacións deste ano
As secuelas do DCA, os efectos negativos desa lesión, son variadas e diferentes en cada persoa. As secuelas poden afectar a aspectos visibles da vida da persoa (como por exemplo os problemas de mobilidade fácilmente identificable polo uso de cadeira de rodas, muletas...) e aspectos invisibles (como por exemplo problemas de atención, orientación, memoria, linguaxe así como outra sintomatoloxía emocional e condutual).

Estas consecuencias, con frecuencia, son fonte de incomprensión, discriminación e estigma social cara ás persoas con DCA. Esta invisibilidade fai do Dano Cerebral Adquirido unha epidemia silenciosa e esa falta de empatía e comprensión dificulta o seu recoñecemento incluso desde profesionais da saúde e a rehabilitación.

Categorías: Día do Dano Cerebral

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información