Asistimos ao II Foro de Familias, organizado por FEGADACE

25/10/2013

Membros da asociación Sarela asistimos ao II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido organizado por FEGADACE.

O sábado, 19 de outubro, celebrábase en Santiago de Compostela o II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido, organizado pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE).

 

Este encontro, dedicado ao papel de "soporte e acción" das familias de persoas con DCA, concluíu coa entrega do I Premio FEGADACE ao programa da Radio Galega Convivir en Igualdade.

 

Membros de Sarela asistirmos ao Foro, no que participamos activamente a través dos grupos de traballo dirixidos a familiares. O noso secretario, Luciano Fernández Pintor, axudou a moderar o grupo sobre 'A voz das familias nas asociacións. Como nos podemos facer oír?', mentres que a terapeuta ocupacional de Sarela conducía o que tratou sobre 'O camiño á autonomía persoal. Pautas para traballala desde a familia'.

 

Outro dos momentos especiais tivo á usuaria de Sarela Natalia Gestoso como protagonista, cando se dirixiu ao público nunha mesa redonda de persoas con DCA para contar a súa historia. Natalia tivo hai dez anos un accidente de tráfico que lle provocou dano cerebral, e, desde aquela, e grazas ao apoio proporcionado polo esforzo da súa nai, traballa na súa rehabilitación.

 

A continuación reproducimos a crónica publicada por FEGADACE no seu blog:

 

FEGADACE felicítase polo aumento da visibilidade do DCA e anima a facer medrar as asociacións

 

Fidel Castro, secretario da Federación, instaba a “conseguir máis socios” no acto de peche do II Foro de Familias.

 

Clara de Sáa e Pepe Carreira, de Convivir en Igualdade, e Gloria Ferreiro, directora de programas da Radio Galega, recolleron o I Premio FEGADACE.

 

O secretario da Federación Galega de Dano Cerebral, Fidel Castro, parabenizouse no discurso de peche do II Foro de Familias polo estendemento do coñecemento social de FEGADACE e da discapacidade que representa. “Estamos conseguindo visibilidade”, afirmou, “imos tendo voz nos procesos de discusión” sobre a discapacidade, e afirmou que “seguimos adiante” no mesmo traballo. Tamén animou a “involucrar a máis familias” nas asociacións, pois estas só atenden a unha parte moi reducida das persoas que teñen dano cerebral adquirido en Galicia.

 

A tarde comezaba coa presentación das conclusións dos diferentes grupos de traballo dirixidos ás familias de persoas con dano cerebral adquirido. A continuación, a traballadora social de COGAMI Ángela Lavandeira realizou un percorrido polo proceso de implantación do sistema de á dependencia, informando do estado actual da lei e o seu desenvolvemento. Centrouse nos cambios motivados polos recortes orzamentarios, tales como a introdución de copagos e a reestruturación do servizo de transporte 065.

 

Trala conferencia, FEGADACE presentou ante a súa base social o vídeo da campaña ‘Eu podería ter dano cerebral’, que comezará a súa difusión a vindeira semana, con motivo da conmemoración do Día do Dano Cerebral o sábado, 26 de outubro.

 

A continuación, Clara de Sáa, condutora de Convivir en Igualdade, recibiu das mans de Miguel Anxo García, psicólogo clínico do CHUS e estreito colaborador da Federación, o I Premio FEGADACE ao labor de difusión da problemática das persoas con Dano Cerebral Adquirido e das súas familias. Estivo acompañada do seu compañeiro, o locutor Pepe Carreira, e da directora de programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro, que amosaron a súa satisfacción polo galardón, tal e como expresou Clara no discurso.

 

Para pechar, o secretario da Federación Galega de Dano Cerebral, tomou a palabra agradecendo a asistencia e transmitindo “forza” a todas as familias asistentes ao foro.

Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información