Celebración do martes de Entroido cos Xenerais da Ulla

24/02/2023

As persoas usuarias do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica recibiron a visita por sorpresa dun xeneral e dunha correo do Entroido tradicional da Ulla, no que están incluídas as parroquias compostelás de Angrois, Marrozos, Aríns e Santa Lucía. Nos días previos, dentro das actividades que realizan no servizo, as persoas usuarias traballaron sobre este Carnaval rural tradicional, festa declarada de Interese Turístico de Galicia.

A presenza dos Xenerais da Ulla no Entroido organizado no centro de día de Sarela foi unha sorpresa argallada polas profesionais do servizo e que supuxo o poñer o ramo ao traballo que durante os días previos desenvolveron no mesmo. O xeneral foi José, un rapaz de Marrozos que se estreaba este ano, e a correo Uxía, unha moza da parroquia de Aríns, que explicaron como se desenvolven os atranques na festa, os detalles dos traxes e calquera dúbida que as persoas usuarias tiveron.

Esta actividade é un exemplo das que ao longo do ano se desenvolven no Servizo de Atención Diúrna Terapéutica. A intervención coas persoas usuarias supón a realización de diferentes actividades, en grupo ou sesións individuais, de promoción da autonomía persoal, benestar físico, desenvolvemento persoal e benestar emocional e de ocio e participación social. Neste caso, por exemplo, traballouse o coñecemento do entroido tradicional da Ulla e a recreación dun atranque, con vestiario incluído, por parte de Jose Ángel e Vitorino, dúas das persoas usuarias do servizo.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información