Algúns consellos para previr o ictus

03/02/2014

Recomendacións sobre alimentación, actividade física ou consumo de medicamentos.

Aínda que o ictus non se pode evitar, si se poden reducir os seus factores de risco. Uns hábitos de vida saudábeis e os consellos sobre alimentación, exercicio, saúde, etc. que se reproducen a continuación axudan a reducir as posibilidades de que se produza o ictus, que é a principal causa do dano cerebral adquirido.

 

Hábitos alimentarios:

 

- Ler sempre as etiquetas dos alimentos durante a compra de comestibles para saber o contido en sal, que debería reducirse a menos dunha cullerada por día (aproximadamente 2,3 g de sodio). En lugar de sal de mesa é máis recomendable utilizar herbas aromáticas como romeu, tomillo... Deberíanse reducir ou evitar as carnes con alto contido de sal como salchichas, xamón, embutidos ou carnes afumadas. Tamén deberían evitarse os alimentos enlatados xa que adoitan ter un alto contido en sal. As persoas con hipertensión arterial ou insuficiencia cardíaca, deberían tomar como máximo a metade dunha culleradiña de sal por día. Unha das palabras crave que deben mirarse nas etiquetas é sodio (alginato de sodio, benzoato de sodio, bicarbonato de sodio, glutamato monosódico). O exceso de sal pode elevar a tensión sanguínea a niveis perigosos.

- Tomar polo menos cinco porcións diarias de froitas e verduras pode reducir o risco de accidente cerebrovascular. Para as froitas pódese considerar que unha porción é 1 peza de froita, un anaco de melón ou un vaso de zume de froita. Para as verduras, unha porción sería 1 tazón de ensalada ou medio tazón de verduras. Relacionáronse os niveis baixos en potasio cun aumento no risco de ictus e as froitas e vexetais frescos son ricos en potasio.

- Aumentar o consumo de peixe, aves e grans de cereais enteiros. O peixe é unha boa fonte de acedos grasos omega-3 que poden reducir o risco de accidente cerebrovascular. O salmón é a fonte máis rica de acedos grasos omega-3 seguido polo arenque, as sardiñas, o mero e o atún.

- A dieta mediterránea tradicional reduce significativamente o risco de accidente cerebrovascular. A dieta mediterránea consiste en: aceite de oliva como principal fonte de graxa monoinsaturada, cantidades moderadas de peixe, moitas froitas e verduras, pan, pasta, arroz, cereais, legumes, patacas e noces, unha baixa a moderada cantidade de viño e pouca cantidade de carnes vermellas, ovos e produtos lácteos.

- É recomendable reducir a cantidade de graxas, especialmente as graxas saturadas e as graxas insaturadas de tipo trans. Algúns exemplos de alimentos con este tipo de graxas son a carne, graxa vacuna, manteca, margarina, graxa de polo, crema, xema de ovo (non se aconsellan máis de tres por semana), o leite enteiro, o queixo e o aceite de coco ou o aceite de palma (presentes en moitos tipos de bolos industriais).

- Recoméndase reducir a cantidade de alimentos fritos; é preferible asalos, cocelos ao forno ou fervelos.

- Debería reducirse a inxesta de doces e as bebidas que conteñen azucre. As etiquetas indican a cantidade de azucre (adoita indicarse a cantidade de hidratos de carbono).

 

Exercicio

 

Deberían realizarse polo menos 30 minutos de actividade física de intensidade moderada cinco ou máis veces por semana (camiñar a paso un pouco rápido é suficiente). Algunhas persoas, especialmente os superviventes de accidentes cerebrovasculares con discapacidade residual, poden necesitar equipamiento para facer exercicio ou programas especiais baixo supervisión médica. Para aqueles que non poden atopar 30 minutos seguidos ao día, ata tres bloques de 10 minutos de exercicio son suficiente. Camiñar é un dos exercicios máis recomendables e uns dez mil pasos ao día (uns 5 km) permiten alcanzar os obxectivos da actividade física diaria. O exercicio reduce significativamente o risco de accidente cerebrovascular e demostrouse que mellora a función dos vasos sanguíneos, aínda que este último beneficio pérdese se se deixa de facer exercicio. O exercicio tamén aumenta o colesterol "bo" (HDL) que a niveis altos proporciona protección cardiovascular.

 

Estrés

 

É recomendable identificar os factores desencadenantes de estrés e atopar o xeito de reducilos ou eliminalos. Se é necesario pódese recorrer a axuda profesional. Non se debe permitir que os sentimentos de ansiedade ou depresión se enconen.

 

Atención médica

 

- Deberíase asistir a todas as visitas médicas programadas incluíndo un exame físico anual.

- Se se está sometido a medicación é recomendable manter visibles os medicamentos e utilizar recordatorios. Usar un pastilleiro e manter rexistros da medicación. É recomendable planear con anticipación cando se deben comprar novos medicamentos, e controlar a caducidade dos mesmos.

 

Drogas e medicamentos

 

- É recomendable limitar o consumo de alcohol a non máis de dúas bebidas por día para a maioría dos homes e unha bebida ao día para as mulleres e homes de menor peso (unha bebida = 400 cc de cervexa, 175 cc de viño, licores 60 cc).

- Deixar de fumar. Pódese tratar de deixar de fumar con programas supervisados medicamente. É recomendable aprender estratexias para facer fronte aos momentos de gran ansiedade de fumar e as recaídas. Debido ás propiedades contra a ansiedade da nicotina, é importante buscar un programa para deixar de fumar que non só contemple a adicción física (que non dura moito tempo) senón a adicción de comportamento, que é moito máis longa.

- Algunhas drogas como a cocaína ou drogas contendo anfetaminas aumentan o risco de ictus en calquera das súas formas de inxestión. Non deberían tomarse sen prescripción médica. Ademais das drogas ilegais, nesta categoría inclúense pastillas adelgazantes, pastillas para aumentar a concentración ou para aumentar o rendemento físico no deporte.

 

*Recomendacións extraídas do blog do Grupo de Neurobioloxía da Universidade de León.

*Imaxe tomada de Wikimedia Commons da autoría de Marvin 101.

 

Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información