Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Minerva García fixo a entrega simbólica desta doazón a Concha Otero, vicepresidenta de Sarela. A cuarta edición desta travesía a nado na ría de Arousa celebrouse o 31 de xullo. A iniciativa naceu en 2015 grazas a Manuel Martínez “O Nacho”, unha persoa con DCA, que busca darlle visibilidade a esta discapacidade.
Sarela quere agradecer, ademais de á Asociación Deportiva Cultural Arousaman, a todas ás persoas e entidades que participaron e colaboraron na organización desta edición e que permitiu acadar a recadación de 1.200 euros.
Esta doazón será destinada para os traballos de sensibilización e atención do DCA que realiza Sarela e tamén para desenvolver o proxecto “Nado polo dano cerebral', que une a FEGADACE, á asociación Arousaman e ao nadador Aitor de Luis (do colectivo Batalla de Rande) para a promoción do deporte acuático na abordaxe do dano cerebral, e para a organización dunha travesía a nado solidaria.
A travesía a nado Arousaman naceu en 2015 e é unha proba non competitiva que se celebra cada dous anos. O seu impulsor é o ribeirense Manuel Martínez “O Nacho”, unha persoa con Dano Cerebral Adquirido como secuela dun neurinoma do acústico, un tumor cerebral benigno que afecta a 1 de cada 100.000 persoas ao año.
Con este reto Manuel Martínez quixo simbolizar as dificultades e medos polas que pasa unha persoa e unha familia con Dano Cerebral. Os nadadores e nadadoras que percorren as 7,04 millas náuticas (13.038 metros) entre O Grove e Ribeira poden pensar en abandonar debido á dureza do reto pero o obxectivo é afrontar esas dificultades. Juan Ramón Martínez, irmán de Manuel e un dos organizadores, resúmeo cunha frase: “nós catro horas, eles toda a vida”.