O SERGAS presenta o Proceso Asistencial Integrado para o dano cerebral adquirido

13/12/2023

A Xunta de Galicia presentou onte o novo Proceso Asistencial Integrado (PAI) do dano cerebral adquirido (DCA) tras ano e medio de traballo dun grupo multidisciplinar conformado por profesionais das sete áreas sanitarias, especialistas de diversos campos e integrantes do terceiro sector. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) participou no proceso a través da súa directora, Begoña Hermida, e de Rocío García, directora de Sarela.

O novo documento, que supón un avance importante na resposta ás demandas históricas do movemento asociativo, foi compartido publicamente no Hospital Clínico Universitario de Santiago nun acto presentado por Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS; Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza; e Antón Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria, quen acudiu en representación da Consellaría de Política Social e Xuventude.

Durante o evento, realizado ante profesionais sociosanitarios, representantes das entidades do terceiro sector, familiares e persoas con DCA, García Comesaña destacou que a nova estratexia de actuación, dirixida á fase subaguda e crónica, permitirá "ofrecer unha maior calidade na prestación do servizo e conseguir unha maior equidade" a través da estandarización da atención en toda Galicia. O máximo responsable do SERGAS tamén subliñou que os parámetros creados ao abeiro do PAI sitúan a persoa no centro do sistema e dotan de garantías á coordinación e continuidade asistencial, establecendo uns máximos temporais de demora na intervención.

Proceso consensuado e multisciplinar

O proceso de elaboración do documento, iniciado a comezos do ano 2022, baseouse nun grupo de traballo multidiscplinar conformado por 28 profesionais de distintas disciplinas (neuroloxía, terapia ocupacional, logopedia, educación social, traballo social etc), no que tamén participou a Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF) e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) a través da súa directora, Begoña Hermida, e de Rocío García, directora de Sarela.

En representación deste amplo abano de actores, durante o acto tomaron a palabra Alfonso Alonso Fachado, subdirector xeral de Planificación e Programación Asistencial do SERGAS: Jacobo Formigo Couceiro, responsable da Unidade de Rehabilitación Intervencionista do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; Lourdes Bermello López, presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo; José Luis Maciñeira Montero, coordinador da Unidade de Ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; Jesús Figueroa, presidente de SOGARMEF, e Begoña Hermida, en nome da Federación.

As distintas intervencións coincidiron en destacar o impulso a importancia da creación de novas ferramentas como o Plan Individualizado de Atención (PIA) por especialidade; a figura da persoa profesional de referencia; o protocolo de seguimento de secuelas leves e moderadas na atención primaria para garantir a continuidade nos coidados, ou a mellora na transmisión de información ás persoas e familias no momento da alta hospitalaria, entre outros aspectos.

Principais avances

Durante a súa intervención, Begoña Hermiga agradeceu á Consellería de Sanidade que contara co movemento asociativo organizado en torno a FEGADACE para participar activamente na elaboración do PAI, tanto a través de grupos focais con persoas e familias con DCA, nos que se identificaron os principais problemas de atención as súas expectativas asistenciais, como coa inclusión da mirada profesional do movemento asociativo no grupo de persoas expertas.


Imaxe: Begoña Hermida, directora de FEGADACE, interviu en representación do movemento asociativo do DCA

Nese senso, Hermida sinalou que o novo PAI supón "unha importante mellora na atención integral do DCA" grazas a inclusión de novos protocolos e ferramentas. Entre estes salientou, en primeiro lugar, a definición dun itinerario homoxéneo e estandarizado para a atención ás persoas con DCA en todas as áreas sanitarias, o que permitirá unificar a atención independentemente do lugar de residencia da persoa.

Igualmente, sinalou a transcendencia da creación da etiqueta diagnóstica 'dano cerebral adquirido', unha antiga demanda do movemento asociativo que permitirá a identificación homoxénea das persoas hospitalizadas por calquera da causas do DCA como un colectivo coas mesmas necesidades. Esta novidade facilitará, ademais, unha cuantificación máis precisa da prevalencia do dano cerebral en Galicia e, por tanto, permitirá dimensionar adecuadamente os recursos de atención necesarios para garantir a continuidade asistencial.

Finalmente, recalcou que un dos principais elementos diferenciadores e, á vez, un dos principais retos do proceso, é a inclusión das familias e as persoas coidadoras no marco da atención, procurando que se sintan informadas e, polo tanto, máis fortes e resilientes para afrontar a nova situación.

Retos para a implantación

Malia coincidir co resto de persoas intervintes na esperanza de que a presentación doi PAI "marque un antes e un despois na atención sanitaria e social do DCA na nosa comunidade", Hermida tamén lembrou a necesidade de tomar en consideración os numeros desafíos vinculados á súa implantación. Ademais da dotación de novos recursos ou da reestruturación dos servizos existentes como condición fundamental de partida, a representante da FEGADACE sinalou a necesidade de:

  • Asegurar a difusión e permeabilidade da información a todos os niveis de atención implicados (profesionais do servizo de saúde, ámbito hospitalario e ámbito atención primaria, así como profesionais dos servizos sociais do sistema público e do tecido asociativo) a través de accións formativas e informativas orientadas ao coñecemento do proceso e á súa implantación efectiva.
  • Contar coa implicación real e efectiva de todos os colectivos profesionais e tecido asociativo na implantación, seguimento e avaliación continúa, co establecemento de comisións de seguimento ou fórmulas similares.
  •  

Ademais, como propostas de mellora e ampliación do proceso a medio prazo, a directora da Federación trasladou algunhas aspiracións do colectivo de cara a futuras actualizacións do PAI, como:

  • A inclusión de pacientes con secuelas susceptibles de tratamento rehabilitador domiciliario.
  • A incorporación de tratamento rehabilitador intensivo en réxime ambulatorio que garanta que as persoas que non requiran ingreso reciban a intensidade de rehabilitación necesaria.
  • A ampliación de aspectos do proceso para especificidade que poida existir na atención ao dano cerebral infantil.
  • A implantación de modelos de atención e coidados sociosanitarios de proximidade executados conxuntamente entre a administración pública e o tecido asociativo, que aseguren a equidade no acceso a atención sociosanitaria en toda a xeografía galega.

 

Texto da noticia: Fegadace

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información