Que non quede ninguén sen felicitar!

18/03/2015

As persoas usuarias do centro de día envían flores aos socios e socias polo seu aniversario.

O blog de Sarela publicou hoxe unha nova entrada, na que se explica como se elaboran as felicitacións que se envían ás persoas socias e voluntarias cando están de aniversario. 
 
Agora que se achega a primavera, as persoas usuarias de Sarela estanse preparando para decorar o centro de día con elementos propios da nova estación. Pero as flores de papel de cores levan semanas servíndolles tamén para outro obxectivo que lles fai moita ilusión: felicitar aos socios e voluntarios polos seus aniversarios. Hai anos que cumpren con esta tradición, para agradecer o labor de quen os apoia na súa andaina diaria, pero non deixan de gozar con cada carta que escriben, mesmo cando algo sae mal e fai falta repetir... 
 
Cada luns ao mediodía é o momento de comprobar na base de datos de Sarela cales son os que cumpren anos na semana seguinte. Eses son aos que tocará escribir, para que cheguen as cartas a tempo. A lista achégase xa aos 330 nomes polo que algún día toca apurar para dar feito unha manchea de felicitacións. Vanse encargando por quendas e as dúas persoas usuarias que cumpren co cometido actualmente teñen as súas funcións ben delimitadas: un encárgase dos sobres, para que o carteiro vaia á casa acertada, e outro non perde detalle da postal que ten de modelo, para desexarlles aos socios e voluntarios que sexan moi felices ao carón dos seus. Pero esa postal é moi especial, porque polo outro lado leva unha imaxe do centro de día...
 
Mesa de traballo no obradoiro de manualidades.
 
En concreto, a fotografía reflicte como as persoas usuarias elaboraron o agasallo que acompañará á postal de felicitación. Nestes días tan solleiros acaen moi ben as flores laranxas que chegan ao fogar de cada un dos que cumpren anos. Flores que van confeccionando os usuarios e recortando con coidado para que cheguen perfectas ao seu destino...
 
Flores de papel feitas no obradoiro de manualidades.
 
O certo é que non sempre se mandaron estes agasallos. Houbo un tempo no que as flores enviadas eran de feltro e levaban un imperdible para que os socios e voluntarios de Sarela puideran presumir de detalle combinándoo coa súa roupa. Outro regalo foron as lúas de feltro tamén, ben sorrintes, para transmitirlles os mellores desexos aos homenaxeados...
 
Lúa de fieltro elaborada no obradoiro de manualidades.
 
Unha vez escrito os nomes e enderezos nos sobres, nos que viaxan canda as felicitacións os agasallos de aniversario, son as propias persoas usuarias tamén as que se encargan de levalos á caixa de correo, cumpridamente selados. Celebran que en cada carta vaia un anaquiño deles, para agradecerlles aos socios e voluntarios de Sarela que sigan colaborando. Mentres agardan a chegada do carteiro, xa están imaxinando as caras de felicidade que poñerán cando reciban un regalo tan especial! 
 
Información e imaxes extraídas do blog de Sarela.
 
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información