Á presentación do espazo asociativo asistiu o director xeral de asistencia sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, a xerente da XXIS, Eloína Núñez Masid, e membros de asociación de doentes da área compostelá.

Renovado o espazo asociativo no Hospital Clínico

02/08/2019

A Xerencia da Xestión Integrada de Santiago presentou a diferentes entidades da área sanitaria o que será o novo Espazo de Uso Asociativo de Pacientes e que ven substituír o xa existente e permitirá usos que até o de agora non eran posibles. Sarela é unha das entidades que emprega este espazo como punto de información para familias.

A Xerencia da Xestión Integrada de Santiago presentou a diferentes entidades da área sanitaria o que será o novo Espazo de Uso Asociativo de Pacientes e que ven substituír o xa existente e permitirá usos que até o de agora non eran posibles.Vai supoñer unha mellora na accesibilidade e oferta de actividades para os pacientes. A área reformada ten unha superficie de 65 metros cadrados útiles, sendo cinco veces maior que a que ocupaba na actualidade.

 

Neste espazo prímase a versatilidade e incorpora a posibilidade de realizar reunións, charlas formativas grupais, así como a atención individualizada no despacho habilitado para ese uso. Despois do verán está previsto que as entidades como Sarela que realizamos labores de información no espazo asociativo poidan comezar a traballar nel. Concretamente, Sarela atende todos os mércores entre as 3 e as 5 da tarde un punto de información para familias que teñen a algunha persoa ingresado con dano cerebral adquirido.

 

Entre os obxectivos que se perseguen coa reforma deste espazo están facilitar as funcións das asociacións de pacientes relativas á información, asesoramento, orientación e captación de interesados; promover a interacción entre as asociacións e o centro sanitario na actividade diaria e crear un entorno de coñecemento mutuo entre as asociacións, os profesionais e a propia xerencia.

 

Conta con estantes modulares para que cada asociación incorpore fisicamente material informativo diverso (folletos de información, formación, promoción de actividades propias ou compartidas, dispositivos de axuda para pacientes), o que considere oportuno para os usuarios, amais dun mural de consulta no que se pode acceder á información das distintas asociacións.

 

Primeiro espazo asociativo nun hospital público galego

A finais de 2015 comezou a funcionar no Hospital Clínico Universitario de Santiago o primeiro espazo asociativo nun hospital público galego. Durante este tempo foi empregado por moitas das 29 asociacións que compoñen o consello asesor da área sanitaria de Santiago e Barbanza (onde tamén existe un espazo para asociacións de pacientes dende abril deste ano). Rexistrou actividade diaria e moitas das asociacións manteñen un calendario de uso periódico para atender aos seus usuarios na propia contorna hospitalaria.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información