Acordo co Concello de Lalín para a coordinación dos seus servizos de orientación laboral

11/02/2022

O obxectivo é dar a mellor atención e derivación de persoas con Dano Cerebral en situación de busca de emprego. O acordo encádrase no do convenio asinado en setembro de 2021 que posibilitou a apertura do punto de información especializada e a realización de actividades de sensibilización e prevención en Lalín.

O Concello de Lalín e Sarela mantiveron unha reunión presidida pola concelleira de política social e tenente de alcalde Paz Pérez, e na que participaron técnicos municipais e profesionais de Sarela. No encontro Sarela presentou o seu Servizo de Orientación Laboral e acordouse manter unha coordinación entre este e o Servizo de Orientación Laboral do Concello de Lalín de cara á atención e derivación de persoas con DCA que buscan emprego despois da lesión.

 

Neste sentido as profesionais de Sarela explicaron as dificultades que teñen as persoas con DCA para volver traballar e acceder a este servizo especializado, principalmente por non existir a categoría diagnóstica de Dano Cerebral á saída do hospital. Esta carencia implica maiores obstáculos, pois descoñécese en que consiste este discapacidade e as limitacións cognitivas que poden ter estas persoas, o que se coñece como “secuelas invisibles”.

 

En relación ao Punto de Información Especializado, que funciona o último mércores de mes entre 10:30 e 13:30 no Lalín Arena) fíxose unha avaliación do seu funcionamento nestes primeiros meses e trasladouse a proposta de realizar charlas informativas sobre o Dano Cerebral Adquirido, así como a creación dun grupo de familias de persoas con DCA. Os grupos de familias son un espazo de encontro, dirixido por unha psicóloga de Sarela, onde compartir experiencias entre persoas que están nunha situación similar.

 

Na xuntanza participaron, ademais da concelleira Paz Pérez, Chus Dablanca (traballadora social do Concello), Cristina Cuñarro (asesora xurídica municipal), Laura Fernández (orientadora laboral do Concello), Noelia Parente (orientadora Laboral de Sarela e educadora social) e Laura Segade (traballadora social de Sarela).

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información