Concedida subvención da Deputación da Coruña para desenvolver o programa de información, orientación e asesoramento a persoas e familias con DCA

03/06/2022

A Deputación da Coruña concedeu a Sarela unha subvención de 33.000 euros dentro do “Programa FOCVAA: convocatoria do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios durante o ano 2022”. A resolución foi publicada no BOP do 26 de maio. Esta subvención afianza o Servizo de información, orientación e apoio a familias que é un elemento fundamental e gratuíto para as persoas e familias con DCA.

O proxecto que será apoiado desde a Deputación da Coruña busca paliar a situación de desorientación provocada pola falta de información á que normalmente se enfrontan as familias de persoas con DCA. Esta carencia é estrutural na nosa contorna sociosanitaria e provoca un choque emocional e organizativo na familia ademais de dificultar a procura de recursos e a toma de decisións importantes.

As actividades que se desenvolverán neste programa subvencionado pola Deputación da Coruña son:

  1. Atención social de Traballo Social, tanto á persoa con DCA como á familia: permite realizar unha avaliación da súa situación e necesidades e dar a orientación oportuna en cada caso sobre recursos, prestacións etc. Esta atención, ademais de ás persoas e familias socias, tamén se realiza nos Puntos de Información que Sarela ten en diferentes concellos e dos que catro están na provincia da Coruña: Hospital Clínico de Santiago, Hospital da Barbanza en Ribeira, Arzúa e Mazaricos.
  2. Actividades informativas e de capacitación: dirixidas principalmente á persoa que asume o rol de coidadora principal, co obxectivo de darlles coñecementos sobre o DCA e ferramentas que lles sirvan para facer fronte á nova situación. Realizaranse sesións formativas, presenciais e a distancia, actividades de autocoidado (ioga, técnicas de relaxación...) e actividades de lecer. Tamén se porá en marcha unha nova sección na web de Sarela que será un espazo dirixido ás familias onde terán acceso a contidos relacionados con Dano Cerebral e estratexias de autocoidado.
  3. Coordinación cos recursos sociosanitarias dos 37 concellos da Área sanitaria de Santiago e Barbanza que pertencen á provincia da Coruña. O obxectivo desta coordinación é favorecer unha mellor e rápida derivación a recursos de atención especializada das persoas e familias con DCA.

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información