Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Sarela celebrou onte, 29 de outubro, o Día Mundial do Ictus centrándose na información e sensibilización sobre a que é primeira causa de dano cerebral. O Hospital Clínico de Santiago, o Hospital da Barbanza (Ribeira) e os centros de saúde da Estrada e Arzúa acolleron senllas mesas informativas que foron atendidas por persoas socias e profesionais de Sarela. O ictus é a causa de case o 80% dos casos de dano cerebral en España, á súa vez primeira causa de discapacidade e dependencia.
Esta mañá, con motivo da celebración do Día do Dano Cerebral, Sarela organizou unha marcha en Santiago para dar visibilidade ao colectivo. Persoas con DCA, familiares, representantes dos grupos municipais e veciños/as de Santiago participaron na marcha que rematou na Praza do Obradoiro onde persoas con dano cerebral e familiares leron o manifesto reivindicativo.
Cinco son as reclamacións que o movemento asociativo fai no manifesto do Día do Dano Cerebral: coñecer a dimensión desta discapacidade facendo un censo; crear a categoría diagnóstica "DCA" para dispor de recursos especializados de atención ao saír do hospital; pór en marcha unha estratexia nacional de atención; incluír á familia como parte substancial da atención e, por último, prestar atención especial ao DCA infantil e ás persoas con trastorno de conduta e ás que teñen DCA severo.
Chamar a atención da dimensión social do Dano Cerebral Adquirido (DCA), incidir na importancia da prevención, explicar a importancia da atención especializada ou falar dos dereitos das persoas e familias nesta situación, son algúns dos obxectivos que ten o ciclo de charlas que, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, desenvolverá Sarela en 17 centros socioculturais da cidade, barrios e parroquias de Santiago.
FEGADACE organiza no mes de outubro un ciclo de cine sobre a discapacidade e a inclusión que traerá a Santiago tres películas nas que se aborda, desde diferentes puntos de vista, o dano cerebral adquirido. As cintas poderán verse no Auditorio Sede Afundación os días 16, 23 e 31 ás 19 horas.
Sarela e o resto de entidades do movemento asociativo do DCA celebran, un ano máis, o venres 26 de outubro o Día do Dano Cerebral e, a semana seguinte, o 29 o Día do Ictus. O acto principal será a andaina que faremos desde a Alameda até a praza do Obradoiro onde leremos o manifesto no que recollemos o sentir e reivindicacións do movemento asociativo. Tamén teremos mesas informativas e outras accións de visibilización. Entra na noticia para ter máis detalles.