• servizos sarela 795x180

Noticias

FEGADACE constata a falta de coordinación entre servizos sanitarios e sociais no DCA

FEGADACE constata a falta de coordinación entre servizos sanitarios e sociais no DCA

O Día do Ictus instalamos unha mesa informativa no CHUS.

O 78% das persoas consultadas a través dun estudo sobre os recursos de atención ao ictus promovido pola Federación Galega de Dano Cerebral manifestaron que o descoñecemento ou falta de información foi o principal obstáculo co que se atoparon para acceder aos medios necesarios no seu proceso de rehabilitación. O 31% sinalan tamén a dificultade dos trámites burocráticos e un 13% as barreiras económicas, constatando a ausencia de coordinación entre os servizos sanitarios e os do ámbito social na atención ao dano cerebral adquirido (DCA), tal como ven denunciando FEGADACE desde a súa fundación, hai máis de dez anos.

 

Máis do 85% de persoas dadas de alta tras un ictus comunican, ademais, que non recibiron información ningunha sobre o servizo de Traballo Social do seu concello, o que confirma a falta de dispoñibilidade de información nos hospitais sobre as necesidades sociais, así como unha carencia de concienciación sobre a atención integral, que vaia máis alá da física e clínica.

 

En canto a outros servizos e potenciais necesidades, ademais dos servizos municipais de Traballo Social (asociacións, centros de día, servizos de atención persoal, trámites de acceso a prestacións, produtos de apoio, transporte adaptado...), entre o 78 e o 97% manifestan non teren recibido información ao respecto.

 

Unha investigación sobre o coñecemento dos recursos de atención ao ictus e as necesidades das persoas afectadas

 

Este estudo desenvolveuse cun dobre obxectivo: por unha banda, determinar o coñecemento que ten a poboación que sufriu un ictus sobre o seu diagnóstico, factores de risco, síntomas de alarma, conduta a seguir para a recuperación e carteira de servizos para a atención e rehabilitación, e, pola outra, medir a cobertura das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido (causado por ictus ou por outros motivos; nomeadamente, traumatismos cranioencefálicos).

 

A investigación realizouse no ámbito hospitalario, motivo polo cal FEGADACE escolleu como poboación a estudar a aquelas persoas dadas de alta tras un ictus, por ser a principal e máis representativa causa do dano cerebral adquirido, no 78% dos casos.

 

Para iso contouse coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN). Sete dos seus profesionais, noutros tantos hospitais públicos (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo), realizaron o traballo de campo a través do reparto de enquisas a máis de 300 pacientes en dous momentos: o da alta, e entre tres e oito meses despois da mesma.

 

Titulado ‘Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con Dano Cerebral Adquirido; medindo a cobertura das necesidades do colectivo’, este estudo arrincou en 2016, desenvolveu o seu traballo de campo en 2017, e presenta agora as súas conclusións. Para levalo a cabo FEGADACE contou co financiamento da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta, no marco do programa ‘Más Social’ para o fortalecemento do Terceiro Sector.

 

Falta de información e de coordinación entre administracións

 

As principais conclusións deste estudo son que se verifican boa parte das denuncias e demandas do movemento asociativo do dano cerebral adquirido. A investigación confirma a desorientación e falta de información que sofren os pacientes e as súas familias con respecto á súa doenza, consecuencias e perspectivas de recuperación, e que a extensión da atención ao ámbito social, máis alá do clínico, segue sendo unha materia pendente. Sustentan estas afirmacións as ideas que se desenvolven a continuación.

 

Tratamentos demasiado centrados na área física

 

A primeira, que a -escasa- rehabilitación que se proporciona a través do sistema público céntrase no físico, obviando os ámbitos cognitivo, psicolóxico e emocional, fundamentais na recuperación tralo DCA (segundo o propio Modelo de atención ás persoas con dano cerebral do Ministerio de Sanidade). Ademais, a continuidade asistencial -é dicir, a atención despois da hospitalización- sofre enormes carencias.

 

Durante a hospitalización, o 24% das persoas enquisadas beneficiouse do servizo de fisioterapia, mentres que só o 7,5% recibiu logopedia, o 9% neuropsicoloxía e un 0,75% terapia ocupacional. No momento da alta, a máis do 45% de persoas non lle foi recomendado ningún tipo de rehabilitación. Das persoas ás que si lle foi recomendada, case o 40% recibiu fisioterapia, mentres que 18,55% recibiu logopedia, o 4% neuropsicoloxía, o 3,63 terapia ocupacional e algo máis do 5% outros servizos.

 

Rehabilitación tardía e falta de profesionais multidisciplinares

 

O servizo de urxencias hospitalarias funciona satisfactoriamente. Sen embargo, se ben está probado que o inicio da rehabilitación debe ser inmediato desde que se produce o ictus, o período máis común referido polas persoas entrevistadas foi o prazo dun mes, case o 70% das veces. Apenas algo menos do 14% comezou a recibir rehabilitación en menos dunha semana.

 

Cómpre salientar tamén que máis do 12% de persoas que precisaban tratamentos de neurorrehabilitación non tiveron acceso á mesma. O 11,5% das que precisaban psicoloxía, o 11% das que tiñan indicado asistir a logopedia, e o 13,5% de suxeitos con necesidade de terapia ocupacional tamén careceu de acceso. Verifícase, unha vez máis, a urxente necesidade de contratación de máis profesionais das referidas áreas, de maneira que se garanta a rehabilitación interdisciplinar, que atende á persoa desde unha perspectiva integral.

 

Pouca formación por carencias en servizos como o de Traballo Social

 

Por outra banda, o 56,88% de persoas dadas de alta por ictus opina que a formación recibida trala alta hospitalaria non foi útil nin suficiente.

 

Constatátase a carencia, no sistema público, de profesionais do Traballo Social e doutros perfís relacionados coa recuperación integral -non só física-, como a Terapia Ocupacional. Isto provoca demoras na elaboración de informes -o 63% de persoas entrevistadas manifestou non dispoñer dos pertinentes informes de valoración funcional na saída do hospital-, no fornecemento de información, etc., se ben a atención médica está, en termos xerais, perfectamente cuberta.

 

Alta satisfacción coa atención hospitalaria

 

O grao de satisfacción coa estadía hospitalaria é do 90%, e cómpre salientar que o 91,97% de persoas enquisadas foi atendido antes de que pasaran nove horas do ictus, límite máximo de tempo recomendado. Ademais, case a metade de persoas foron atendidas en menos dunha hora, e algo máis do 30% recibiron atención entre unha e tres horas despois do accidente.

 

Elevado coñecemento do ictus entre os e as pacientes

 

O estudo demostrou unha alta taxa de coñecemento do ictus entre as persoas ingresadas por esta doenza -case o 70% de entrevistados/as- e unha satisfactoria familiaridade cos seus síntomas de alarma: pouco menos da metade refiren a dor de cabeza e o 87% sinala a dificultade para falar ou comprender o discurso oral. Coa perda de forza ou parálise lateral (un brazo ou unha perna), completaríanse os tres principais síntomas de alarma do ictus. A súa rápida identificación é fundamental para axilizar o traslado ao hospital e a administración do tratamento, minimizando así as consecuencias (é dicir, as secuelas que, unha vez estabilizadas, compoñen o DCA).

 

Nova da web de FEGADACE

 

 

Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.