Subvención da Consellería de Política Social para o voluntariado virtual de Sarela

30/08/2021

O proxecto “Sociedade voluntaria virtual” articula unha alternativa ao voluntariado presencial debido ás limitacións do contacto físico directo e abre novas oportunidades de colaboración ás persoas interesadas en colaborar con este servizo. A resolución de 8 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado aproba unha contía de 1.477 euros.

Debido á situación sanitaria derivada da Covid-19, o voluntariado presencial no centro de Sarela suspendeuse temporalmente ao ter que limitar ao máximo os contactos externos para garantir a seguridade das persoas usuarias. Esas restricións puxeron de manifesto manifesto a importancia das relacións sociais e do contacto persoal, é ao mesmo tempo, a importancia das novas tecnoloxías para continuar coa realización dos servizos de Sarela para as persoas con dano cerebral e as familias.

O proxecto “Sociedade voluntaria virtual” é a alternativa do Servizo de Voluntariado de Sarela á colaboración presencial que se viña realizando antes da pandemia. A modalidade de voluntariado virtual ou a distancia permite que as persoas que o desexen poidan seguir participando no voluntariado da entidade.

Trátase dun proxecto innovador que dá resposta ás necesidades vitais das persoas usuarias dos servizos de Sarela e das persoas voluntarias a través das novas tecnoloxías, garantindo a súa seguridade á vez que se dá a oportunidade de formarse e ter maior autonomía coas novas tecnoloxías.

Algunha das accións que se realizarán co proxecto subvencionado son a realización de charlas de sensibilización sobre voluntariado e dano cerebral dirixidas á poboación en xeral e a creación de postos de acción voluntaria segundo as necesidades da entidade e adaptados ás nova e cambiante realidade sanitaria. Así, nestes meses puxéronse en marcha actividades de voluntariado virtual como “Café Express”, “English Breakfast” ou “Falando de todo un pouco” que tiveron unha gran acollida.

Servizo de Voluntariado de Sarela

O voluntariado está presente na historia da entidade desde os inicios, onde as persoas voluntarias foron clave para iniciar a atención e ofrecer os primeiros servizos que as familias demandaban. Todos os servizos e programas de Sarela están abertos á colaboración. A participación destas persoas pode ser presencial ou a distancia a través do voluntariado virtual e debe ser activa, cunhas funcións claras e sempre con apoio e supervisión de profesionais de Sarela.

Sarela é unha entidade de acción voluntaria, é dicir, unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve a súa actividade no ámbito da acción social, a favor dos demais e dos intereses sociais colectivos. Como tal, está inscrita no rexistro de entidades de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia co nº de rexistro O-462 dende o 22 de marzo de 2007, ano dende o que leva desenvolvendo o Programa de Voluntariado.

Categorías: Voluntariado

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información